EconomíaEconomíaÚltima hora

Concello e comerciantes sortearán 3.300 euros á semana para incentivar as compras de Nadal en Xinzo

O prazo límite de recepción das solicitudes de participación dos comerciantes que queiran participar será o 30 de novembro

 

Nun ano compleamente atípico, e co obxectivo de “favorecer que os veciños e veciñas fagan as súas compras en Xinzo, para axudar a dinamizar de novo a economía e o tecido produtivo da vila” o Concello de Xinzo e a Asociación de comerciantes e empresarios PROLIMIA, porán en marcha unha ambiciosa campaña de Nadal aberta a todos os negocios e comercios que queiran participar. Cada un repartirá boletos cun numero para un sorteo semanal durante o mes de decembro.

O importe dos premios alcanzará os 9.900 euros en cheques de compra que deberán ser gastados nos establecementos da vila. Serán tres sorteos semanais, que se levarán a cabo os domingos, e que repartirán 3.300€ en premios cada semana. Consistirán nun cheque por importe de 1.000 euros, 4 cheques de 500 euros e 1 cheque por importe de 300 euros cada semana. Os gañadores deberán gastar os premios nos comercios e negocios adheridos a esta campaña, que está aberta a todos os comercios, bares, cafeterías e negocios que desenvolven a súa actividade no Concello de Xinzo de Limia.

Os comerciantes que queiran participar terán que incribirse obrigatoriamente e aceptar todos os compromisos relacionados coa organización da campaña e o desenvolvemento da mesma. O prazo límite de recepción das solicitudes de participación dos comerciantes será o 30 de novembro de 2020.

Dende o equipo de goberno de Xinzo, e en palabras da súa alcaldesa, Elvira Lama, “pedimos e animamos a que neste Nadal as compras e os gastos se fagan nos negocios locais, para paliar os efectos económicos que esta pandemia está a deixar nos comercios e establecementos de Xinzo”.

Artigos relacionados

Back to top button