ConcellosÚltima hora

Concello e Protección Civil de Verín poñen en marcha o proxecto “Proteduca”

O programa educativo e de sensibilización desenvolverase nos colexios neste curso académico
Reunión informativa sobre o proxecto "Proteduca".
Reunión informativa sobre o proxecto “Proteduca”, no Concello de Verín.

Coma un proxecto de educación e sensibilización da cidadanía ante situacións de emerxencia nace “Proteduca”, un programa posto en marcha polo Concello e Protección Civil de Verín.

Dende a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín consideran que é fundamental dotar á poboación das habilidades necesarias para actuar ante calquera posible situación de crise ou emergencia, sendo “fundamental capacitar ás persoas nos procesos de toma de decisións enfocados a solucionar posibles problemas e que sexan individuos críticos e saiban manter a calma para manexar situacións de estrés”. Así o manifestaba Manuel Alfonso Araújo, presidente da Agrupación na presentación do proxecto aos representantes dos centros educativos da comarca de Verín, levada a cabo na mañá do 13 de outubro.

No acto, no que tamén estivo presente a concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil de Verín Cándida Couñago, Araújo asegurou que “cambiar as reaccións das persoas ante o xeito de actuar nunha emerxencia é tan sinxelo coma practicar; todos somos quen de actuar con serenidade ante unha situación de crise se temos interiorizados os pasos básicos que se deben dar”. Pola súa parte, Couñago destacou que este novidoso proxecto busca dotar dun sistema docente ben organizado e estruturado á formación en emerxencias que, actualmente, non está incluída no sistema educativo español coma materia curricular, “un erro xa que deixa á sociedade desprotexida ante situacións de crise”.

As sesións formativas serán desenvolvidas nas aulas dos diferentes centros educativos durante o ano académico 2016/2017, por voluntarios da Agrupación de Voluntarios de Verín que, de forma desinteresada, dan apoio á poboación nas máis diversas situacións, non sólo en emerxencias, senón tamén en eventos deportivos, culturais e lúdicos velando pola seguridade de participantes e asistentes.

Artigos relacionados

Back to top button