OurenseÚltima hora

Concello e Viaqua asinan un acordo para evitar a pobreza enerxética

O acordo prevé bonificacións e descontos para familias numerosas.

O Concello de Ourense e Viaqua veñen de asinar hoxe, 19 de maio, un protocolo de actuación ante os casos de pobreza enerxética dos cidadáns “co fin de evitar o corte de subministro dun ben esencial”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Segundo explicaron, o protocolo a seguir é que o cidadán “que non poida facer fronte a eses pagos da agua, o comunique directamente á empresa, aos Servizos Sociais ou ao Concello”, dixo Vázquez, e logo eles encargaranse de pór solucións. Asemade, por parte de Viaqua, empresa subministradora de augas de Ourense, porán en coñecemento do Concello a situación de aquelas familias que non tiveran pagado os seus recibos de xeito continuado para que, así, “poidan estudar o seu caso e axudarlles”, asegurou o director de Viaqua en Galicia, Julio Masid.

Asemade, neste protocolo contemplan unha serie de bonificacións e reducións para familias numerosas e tamén para familias que acrediten estares en risco de exclusión social.

Segundo explicou Jesús Vázquez cada caso hai que estudalo “e se se da o feito por consumado porque se producen impagos, Viaqua comunicaralle ao Concello para que adopte a situación de axudas e evitar o corte de subministro esencial”, dixo.

Pola súa banda, Julio Masid dixo que “antes de facer ningún tipo de xestión de corte, o que facemos é comunicar dende o departamento de Servizos Sociais para que revisen a situación de exclusión da familia. Tentamos que esas accións garantan o servizo as persoas que non poidan pagalo”.

Actualmente, 20 familias poderán beneficiarse deste acordo de carácter inmediato, informou o alcalde de Ourense. Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sofía Godoy, reiterou que “nunca haberá lista de agarda para aqueles casos que sexan extremos”.

Artigos relacionados

Back to top button