DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A concentración mototurística Os Esquíos de Trives bate o récord con máis de 350 inscritos

Numeroso público seguiu a exhibición de Narcis Roca na madrugada do sábado 8 de xullo

Cun gran éxito tanto de participación como de organización, baixaba o pano a XIV concentración mototurística Os Esquíos celebrada esta fin de semana na Pobra de Trives. Unha xuntanza moteira que bateu un novo récord de inscritos. “Tiñamos o límite en 350 pero finalmente viñeron 373, foi unha loucura”, aseguran dende a organización.

Unha loucura que saíu á perfección, sen incidentes e cumprindo o programa que arrancaba o venres 7 de xullo pola tarde coa apertura de inscricións, e remataba o domingo día 9 despois do xantar e a entrega de premios. E entre medias, diferentes actividades entre a que destacan as rutas. Comezando polas turísticas do sábado (con paradas para xantar en Casa Elvira de Montederramo; Gerardo e Cardiego en Chandrexa de Queixa; Casa Agenor en Cova; e As Maceiras en Trives) e do domingo (por Larouco, As Ermitas e Manzaneda, con pinchada no bar das Piscinas); como a barítima pola vila, co tradicional porco ao espeto (todo un símbolo da concentración) amenizada musicalmente polo grupo Zurrumalla; e por suposto a de bengalas na honra aos compañeiros caídos na estrada.

Outro dos pratos fortes en cada edición é a exhibición acrobática o sábado pola noite que este ano correu por conta de Narcis Roca, seguida por un numeroso e entregado público entre o que había unha noiva. O broche musical á xornada poñíao a actuación de La Banda de Mazinger.

Coa mente xa posta na seguinte edición, a número XV, dende a organización agradecen a asistencia de todos os moteiros chegados dende diferentes puntos do país (de toda Galicia, Asturias, Cantabria, Valladolid, Toledo, Barcelona,…) e tamén a colaboración dos establecementos da contorna, sen os cales esta festa moteira non sería posible. Igualmente destacado foi o labor dos cociñeiros, tanto na cea do sábado coma no xantar de despedida do domingo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button