En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Concentración no Barco para reivindicar que “somos área sanitaria”

No acto pedíase a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde e unha sanidade “pública, próxima, universal e de calidade”

A praza do Concello do Barco convertíase na tarde do 24 de xaneiro en escenario dunha concentración convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para pedir a retirada do proxecto que modifica a Lei galega de Saúde e que suporá a desaparición da área sanitaria barquense.

Numerosas persoas de diferentes puntos do oriente ourensán acudían á convocatoria na que interviña Víctor Pariente, da xunta de persoal do Hospital Comarcal Valdeorras, quen informaba da celebración dunha manifestación por este mesmo tema en Santiago o vindeiro 4 de febreiro. De seguido, o voceiro da plataforma sanitaria e concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, daba lectura a un manifesto no que lembraba a gran participación da manifestación convocada na vila o pasado setembro pedindo o mantemento da área sanitaria.

“A resposta ás nosas demandas da Xunta Galicia é de absoluta falta de sensibilidade política e humana. Que lonxe están como goberno das necesidades do rural galego, e a súa estrutura de xestión da EOXI de Ouense, que lonxe da comarca de Valdeorras”, aseguraba Saavedra. No manifesto tamén se sinalaba que “precisamos dun proxecto sanitario de futuro, polo que deben buscar as solucións máis acertadas para responder ás necesidades asistenciais da poboación no rural en canto ao desenvolvemento dos seus hospitais comarcais, da súa atención primaria, a atención contínua e a dispersión, ás políticas de saúde preventivas, aos aspectos sociais do abandono do rural, ás comunicacións, á falta de medios de transporte públicos, etc. É unha cuestión técnica e política que desde un sistema público de saúde debe ter o máximo consenso”.

O acto concluía con berros de defensa da área sanitaria e do Hospital Comarcal Valdeorras, así como dunha sanidade “pública, próxima, universal e de calidade” e “por un rural galego con todos os servizos”. Durante a concentración tamén se recollían sinaturas en defensa da área.

Dende a Consellería de Sanidade aseguran que “o principal obxectivo do anteproxecto da Lei de Saúde de Galicia é adaptar esta normativa marco a actual estrutura organizativa do Servizo Galego de Saúde, reforzando especialmente o papel dos hospitais comarcais e súa rede de atención primaria, garantindo súa sosteñibilidade e crecemento futuro, co mantemento e potenciación de servizos e especialidades”. Tamén indican que os cambios que implica a reforma da lei “terán unicamente vantaxes de cara a poboación, xa que facilitan a xestión, a nivel administrativo, dos recursos, sen afectar en modo algún ao día a día dos pacientes”.

Máis información:
https://osil.info/concentracion-da-rua-reforma-da-lei-de-saude-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button