SanidadeÚltima hora

Concentración o 24 de xullo en Castro Caldelas contra a supresión do servizo de pediatría no verán

Este acto reivindicativo está convocado ás 11:30h. diante do Centro de Saúde deste municipio
Exterior Centro de Saúde de Castro Caldelas.

Castro Caldelas comeza tamén a mobilizarse contra a supresión do servizo de Pediatría no seu Centro de Saúde durante o verán. O Concello anuncia unha concentración por este motivo o 24 de xullo ás 11:30 h. Terá lugar diante do Centro de Saúde.

“Despois de manter unha reunión entre os afectados e o xerente da EOXI de Ourense, Julio García Comesaña, na cal non se acadou ningún tipo de solución, os concellos pertencentes ao servizo de pediatria do Centro de Saúde de Castro Caldelas, convocan unha concentración para reivindicar o que é un servizo esencial básico para as nosas crianzas”, sinalan dende o Concello de Castro Caldelas.

Tamén se indica que “un total de 109 nenos e nenas quedaron en desamparo pediátrico nestes concellos debido aos recortes en sanidade. O servizo de pediatria de Castro Caldelas atendía a cinco municipios, Castro Caldelas e os colindantes de A Teixeira, Parada do Sil, Chandrexa de Queixa e Montederramo quedando neste intre sen asistencia pediatrica, ocasionando unha serie de prexuízos aos usuarios, xa que, para ter acceso a este servizo o desprazamento mínimo son 30 km. chegando en moitos casos a superar os 60 km. co problema engadido do tempo e custo que isto acarrexa as familias”, engaden dende a Administración local.

Ante esta situación e “para evitar que esta situación se prolongue ao resto do ano convócase unha concentración para reivindicar os dereitos dos nos cativos unha concentración”, conclúen dende o Concello.

Esta concentración súmase á que xa tiña lugar nesta semana no Centro de Saúde de Trives, tamén afectado pola supresión do servizo de Pediatría nos meses de xullo e agosto.

Imaxe da convocatoria.

Artigos relacionados

Back to top button