ConcellosÚltima hora

Concentración silenciosa en Quiroga para celebrar o 8M

Un dos momento da concentración.

 

A praza España de Quiroga acollía neste domingo unha concentración silenciosa con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Este acto estaba organizado dende a Área de Igualdade e Benestar do Concello e contaba coa presenza do alcalde, Julio Álvarez; da senadora quiroguesa, Rosa Arza; da concelleira de Educación, Loly Sánchez; e da concelleira de igualdade, Ana Núñez. Esta última interviña para lembrar publicamente a importancia de conmemorar esta data.

Esta concentración formaba parte dos actos programados no marco do  8M polo departamento municipal da Muller con motivo desta celebración internacional. A primeira das actividades foi unha representación escénica interactiva contra a violencia de xénero o pasado domingo. Ademais na noite do 7 de marzo numerosas mulleres da comarca compartían unha cea de confraternidade. Tamén as letras de entrada á vila de Quiroga locen unha iluminación en cor morada en conmemoración desta data.

Ademais o luns 9 de marzo comezará a realizarse o mural dedicado á muller por parte da artista viguesa Abi Castillo, autora de moitas obras de muralismo e ilustración, entre elas as ilustracións dos libros “Pioneiras”. O mural que fará ao longo da vindeira semana estará situado na fachada principal do polideportivo de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button