EntrevistasÚltima hora

Concepción Álvarez: “A poesía de Florencio é a poesía de todos os galegos e de Galicia”

Esta filóloga vianesa disertará o vindeiro venres na Rúa sobre “A variedade valdeorresa do galego oriental. A súa presenza na lingua literaria de Florencio Delgado Gurriarán”

 

Concepción Álvarez Pousa.

 

A filóloga Concepción Álvarez Pousa, natural de Rubiais (Viana do Bolo), será a encargada de pechar o segundo ciclo de conferencias sobre a vida e a obra do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán. A súa intervención está prevista para a tarde do venres 29 de novembro na Adega Peyma en Fontei (A Rúa).

Falará sobre  “a variedade valdeorresa do galego oriental. A súa presenza na lingua literaria de Florencio Delgado Gurriarán” e esta será a súa primeira conferencia en Valdeorras. “Estou moi agradecida pola invitación por parte da Comisión Organizadora das Xornadas sobre Florencio Delgado Gurriarán e polo feito de que pensaran en min para levar a cabo esta misión. Será unha verdadeira satisfacción falar en Terras de Valdeorras dun autor orixinario desta comarca e tan sensibilizado coa cultura galega, que contribuíu coa súa obra á dignificación de Galicia e á normalización do seu idioma”, asegura esta investigadora vianesa.

¿Como e cando coñeceu a obra de Florencio Delgado Gurriarán?

O primeiro contacto que tiven coa figura de Florencio Delgado Gurriarán foi a través do manual Historia da Literatura Galega Contemporánea de R. Carballo Calero cando comecei os estudos de Filoloxía. Neste manual ao pé doutras figuras como Manuel Antonio e Amado Carballo e asociados á escola novecentista, os autores que naceron arredor de 1900, aparecía un autor valdeorrés chamado Florencio Delgado Gurriarán. Por coñecemento de proximidade asociei a súa figura a unha rama de sona da familia Gurriarán, de orixe vasca e asentada nas Terras de Valdeorras.

O catedrático ferrolán relacionaba a súa poesía coa escola hilozoísta onde cobra especial importancia a imaxe da natureza. O que máis me chamou a atención foi o comentario que facía sobre o autor, dicía que empregaba na súa poesía moitos termos dialectais, moi comarcais e vivos que non estaban ao alcance das persoas que non naceran naquela zona na que se formara a conciencia lingüística do autor. Isto fixo que me interesara de xeito especial pola súa obra.

 ¿Que opina da obra poética deste autor? ¿que lugar diría que ocupa dentro dela á que lle adica a Valdeorras?

A figura de Florencio Delgado Gurriarán non é moi coñecida no ámbito da literatura galega. A súa obra non é moi extensa e ten certo carácter cíclico, pois varias das primeiras composicións repítense en poemarios posteriores. Non obstante, é unha das principais figuras da poesía da diáspora galega ao lado doutros autores como Lorenzo Varela ou Luís Seoane que acadaron maior sona. Ademais, tamén desenvolveu un papel moi importante a nivel sociocultural, como director da revista Vieiros, unha das principais publicacións do exilio e canle de dinamización da cultura galega.

Hai unha liña importante da súa poesía que é costumista onde emerxen elementos coma a natureza, o viño desde unha tendencia hilozoísta; outra liña intimista onde evoca a súa Terra natal… pero sobre todo, hai unha liña social-patriótica onde reivindica a identidade de Galicia e a personalidade do seu idioma. Esta é a poesía feita en nome dunha colectividade.

A maior parte da súa produción está ligada ás Terras de Valdeorras, feito que se fai máis patente en obras como Bebedeira ou Cantarenas, onde hai partes específicas dedicadas á comarca. No entanto, cómpre resaltarmos que Valdeorras está de pano de fondo en calquera dos seus poemas sexa cal for o motivo da voz poética. Pois se algo moveu aos autores do exilio foi esa liña intimista, ese sentimento de saudade coa súa Terra natal, que dunha maneira ou doutra sempre estivo presente na súa escrita. Era a única forma de estaren próximos dalgún xeito desde o afastamento físico e intelectual no que vivían.

Destacaría a súa sensibilidade coa Causa galega, o sentimento de amor pola propia identidade de Galicia que tamén tratou de universalizar con eses poemas galego-mexicanos, abrindo a cultura galega a outras vertentes.

A poesía de Florencio é a poesía de todos os galegos e de Galicia, posto que cos seus versos defendeu a imaxe da identidade galega e como tal debe ser recoñecida a súa figura e espallado ese “Soño do guieiro” do que falaba el. É vital o recoñecemento dun día das Letras Galegas por respecto e admiración a quen desde a diáspora traballou incasablemente e con ilusión por Galicia nun tempo no que non era fácil ter ilusión.

Como director da revista Vieiros en México desenvolveu un traballo que serviu de vía de conexión con Galicia, coa finalidade de que a chama da cultura galega non esmorecese. Desenvolveu fóra o traballo que non puido levar a cabo en Galicia porque a situación política e a represión cultural do momento non o permitían.

En xeral, a obra poética do autor valdeorrés é unha literatura de valores, xa que transmite o amor por Galicia e o sentimento de paixón e valorización do propio.

 

 ¿Que aspectos lingüísticos destacaría deste autor?

O autor valdeorrés foi unha persoa amplamente comprometida coa cultura galega, o feito de que recibira unha boa formación académica para a época, en Valladolid, non fixo que mudase o seu galego oriental de Valdeorras polo castelán, senón ao contrario, seguiu cultivando a lingua materna. El non concebía naquela época que o idioma non estivese presente no ensino, na administración, nos medios de comunicación e sinalaba que se debía aprender o castelán a través do galego, pois era absurdo facelo ao revés, dado que a lingua inicial era o galego e era algo natural. A súa defensa polo idioma é evidente.

Alén diso, o autor tamén se preocupaba moito pola depuración do idioma, tal e como lle manifestaba ao seu amigo Pepe Gayoso no referente ás edicións das súas obras. Segundo el, cumpría depurar o idioma de todas esas formas do castelán e darlle vixencia ao propio, pois o galego, sostiña que era unha lingua moi eufónica e expresiva.

Houbo proxectos que desafortunadamente quedaron pendentes na mente de Florencio como a elaboración dun dicionario de valdeorresismos para o que xa tiña recollido unha chea de termos, o que manifesta a súa dedicación constante á lingua.

¿Que singularidades presenta o galego oriental do que vai falar na conferencia e como se plasma na obra deste poeta?

O galego oriental que comprende as falas do leste de Ourense e de Lugo e mais a parte estremeira occidental de León, Zamora e Asturias, é un galego máis conservador fronte aos outros bloques lingüísticos. Na actualidade mantén as solucións do plural en -is para os nomes rematados en –n (relación-relaciois), como acontecía no período medieval da lingua e na zona ancaresa, por exemplo, mantéñense as vogais nasalizadas.

Trazos característicos do galego oriental son por exemplo o uso da forma tu como pronome de 2ª persoa fronte ao ti do galego común, o uso das formas muito / muto respecto do galego común moito ou por exemplo as terminacións en –ao para formas como irmao fronte a irmán. Ademais nas diferentes zonas do bloque oriental hai un léxico e unha fraseoloxía específica que xa é diferente en concellos que mesmamente están moi próximos, como acontece coa propia forma “castaña”, que dá lugar a termos como castaña, bulló ou bullote

Expresións do tipo: “Hai que meter os pais ao forno” ou “Teis muito/muto friu/frío?” chámanlle a atención a persoas descoñecedoras da maneira de falar propia das Terras do leste, o galego oriental é o que máis diverxe respecto do galego estándar.

Na obra de Florencio Delgado Gurriarán están presentes todas estas formas do galego oriental e un léxico específico valdeorrés, que sempre se preocupou polo feito de que figurase nas obras que publicaba e se non aparecen máis formas ou hai certa variación de termos é por conta das edicións e correctores das obras. Pois dalgún xeito eran contrarios a editaren as obras con todo ese tipo de características propias do galego oriental e do valdeorrés, concretamente. Posto que esixían un maior coñecemento do léxico por parte dos lectores e desviábanse da norma estándar e unificadora.

Texto: A.R.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close