CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Concepción Álvarez Pousa pecha na Rúa o ciclo de conferencias sobre Florencio Delgado Gurriarán

A filóloga vianesa disertou sobre a presenza da variedade valdeorresa do galego oriental na obra do poeta de Córgomo

 

Coa lectura do poema adicado a Ramón Otero Pedrayo  (Saúdo a Otero Pedrayo, Galicia Infinda), Concepción Álvarez Pousa pechaba a súa intervención na tarde do 29 de novembro, na Rúa. A filóloga vianesa era a encargada de poñer o broche ao ciclo de conferencias sobre Florencio Delgado Gurrirán que comezaban o 15 de novembro en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), continuaban unha semana despois en Carballal (Petín) e hoxe chegaba ao seu fin na Adega Peyma, en Fontei.

Trala apertura do acto por parte do concelleiro de Cultura da Rúa, José Vicente Solarat e da presentación da conferenciante a cargo da concelleira de Servizos Sociais, Joana Gómez, Concepción Álvarez comezaba a súa disertación sobre a a presenza da variedade valdeorresa do galego oriental na obra do poeta de Córgomo.

O autor valdeorrés “foi unha persoa amplamente comprometida coa cultura galega, o feito de que recibira unha boa formación académica para a época, en Valladolid, non fixo que mudase o seu galego oriental de Valdeorras polo castelán, senón ao contrario, seguiu cultivando a lingua materna”, dixo, asegurando que “a súa defensa polo idioma é evidente”.

 

A filóloga vianesa Concepción Álvarez Pousa na conferencia.

 

De forma minuciosa, a filóloga fixo un completo repaso por varias das obras de Florencio (Bebedeira, Galicia Infinda, Cantarenas e O Soño dun Guieiro) analizando os aspectos morfolóxicos, léxicos e gráficos dos versos. Palabras co plural en -is para os nomes rematados en –n (relación-relaciois), o uso das formas muito muto respecto do galego común moito, ou por exemplo as terminacións en –ao para formas como irmao fronte a irmán, ademais de termos como castañabulló ou bullote… Expresións do tipo: “Hai que meter os pais ao forno” ou “Teis muito/muto friu/frío?  “Na obra de Florencio Delgado Gurriarán están presentes todas estas formas do galego oriental e un léxico específico valdeorrés, que sempre se preocupou polo feito de que figurase nas obras que publicaba e se non aparecen máis formas ou hai certa variación de termos é por conta das edicións e correctores das obras”, dixo a conferenciante.

Tamén falou do Arquivo Galego Oral (AGO) con expresións e termos especídicos de concellos como O Barco de Valdeorras ou Rubiá e dalgúns proxectos que quedaron pendentes na mente de Florencio como a elaboración dun dicionario de valdeorresismos, antes de rematar cun muitas / mutas grazas!!

O encargado de clausurar o acto era de novo o concelleiro de Cultura, entregando a Concepción un pin das Letras de Florencio e unha réplica da placa de Lucio Pompeyo Reburro Fabro, dando paso a unha pincahda na cova da propia adega.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button