CulturaCulturaÚltima hora

Concerto de Miro Casabella, un dos referentes de “Voces Ceibes”, no Barco

 

Coa singular voz de Miro Casabella, acompañada da súa guitarra, o ciclo “De Perto” entraba na súa recta final na tarde do 16 de xullo no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco). “Este artista é, en certo modo, un símbolo para a xente que xa temos unha idade”, dicía o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo, na presentación deste concerto, na que agradecía tamén a fidelidade e apoio do público ao longo deste ciclo dedicado á palabra.

Na súa intervención Docampo facía un percorrido pola traxectoria de Casabella, que en 1964 se trasladaba a Barcelona, onde empezaba entraba en contacto co movemento da “Nova Cançó Catalá” e debutaba en 1967. Un ano despois, en 1968, integrábase no colectivo “Voces Ceibes”. “Chegou a compartir escenario con Paco Ibáñez, Georges Moustaki, Joán Báez ou Jose Afonso”, destacaba, lembrando tamén como despois pasaba a fomar parte do grupo Doa, co que actuaba no Barco en setembro de 1981 na praza José Otero.

 

 

Con “O meu país”, con letra do ourensán Xoán Manuel Casado, Casabella encetaba un concerto no que repasaba a súa carreira musical, con temas de marcado tono social. Tampouco faltaban pezas como “Ti, Galiza” e poemas musicados como “María Solinha” de Celso Emilio Ferreiro. Ao longo da súa actuación o público tamén descubría a influencia das cantigas e da lírica medieval neste cantor.

A derradeira cita co “De Perto” virá da man do teatro. Mañá sábado 17 de xullo ás 20:30h. representarase a función “As fillas bravas e o mito de Casandra” ás 20:30h. no mesmo escenario: o Xardín da Casa Grande de Viloira.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button