CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Concerto do Trío Zukan, o 10 de outubro no Hotel Pazo de Sober

A actuación, de entrada gratuíta, será ás 19:30h. e está programada polo Concello e as Xuventudes Musicais de Sober

Trío Zukan.

 

Da unión de tres instrumentos pouco comúns como a percusión, o acordeón e o txistu (frauta tradicional vasca) nace no ano 2014 o Trío Zukan. Nas orixes o repertorio para esta combinación instrumental era inexistente polo que os seus integrantes decidiron promover un proxecto en colaboración con diferentes compositores. “A única premisa exposta aos creadores foi que desen a súa visión particular sobre unha combinación instrumental tan atípica”.

A resposta foi tan boa que a día de hoxe, Zukan encargou, revisou e estreou máis dunha vintena de obras de compositores nacionais e internacionais como María Eugenia Luc, Mikel Chamizo, Hugo Morales, Isabel Urrutia, Francisco Domínguez, Vassilis Filippou, Óscar Escudero, Helga Arias e Sofía Martínez, e ten en marcha diferentes proxectos de creación con outros compositores destacados.

 

Actuación ao aire libre do Trío Zukan.

 

En marzo de 2019, Zukan presentou o seu primeiro CD baixo o nome Soinuzko Begiradak – Toma 1 (Miradas Sonoras – Toma 1), o cal recibiu recentemente o premio Musika Bulegoa Sariak. Así mesmo, en maio de 2019, engadiuse outro importante paso na súa traxectoria: o primeiro premio obtido na 94º Convocatoria do Concurso Mocidades Musicais de España.

Na actualidade Trío Zukan é unha das formacións máis consolidadas do panorama da música contemporánea do País Vasco. Ofreceu numerosos concertos en ciclos de referencia e festivais e, o vindeiro 10 de outubro actuará no Hotel Pazo de Sober ás 19:30 horas (entrada gratuíta).

O concerto foi programado polo Concello de Sober e as Xuventudes Musicais da localidade.

Artigos relacionados

Back to top button