ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Concerto solidario da Banda Folk de Ribas de Sil en Viana

A actuación tiña lugar na Casa da Cultura e a recadación irá destinada a becas para estudantes de Samaipata (Bolivia)

Co piano como base, a batería comeza a marcar o son. A partires de aí vanse incorporando o resto de instrumentos, uns clásicos como frautas, gaitas, acordeón ou piano, e outros modernos como baixo ou guitarras (eléctrica e española). E todos xuntos forman o tema co que a Banda Folk de Ribas de Sil arrancaba o concerto solidario celebrado na tarde do 9 de xaneiro na Casa da Cultura de Viana do Bolo.

Con esta actuación, coa música galega como base e dividida en varias partes (cancións tranquilas, temas máis movidos, ritmos tradicionais e cancións de despedida), a banda formada por once membros (algúns deles nenos moi noviños), completaban un ano de concertos solidarios.

O de Viana do Bolo estivo organizado por el IES Carlos Casares e o Concello, e os donativos voluntarios aportados polos asistentes “servirán para que estudantes da municipalidade de Samaipata (Bolivia) poidan cursar estudos técnicos ou superiores, unha vez terminada a súa etapa secundaria”, explica o director do instituto, Carlos Ferreiro. A ONG “Escuelas de la Tierra” será a encargada de canalizar as becas, que teñen a súa orixe no ano 2007.

O proxecto de irmanamiento do instituto vianés e a Unidade Educativa Timoteo Rondales de Bermejo-Samaipata (Bolivia) está a piques de cumprir nove anos e “actividades como esta contribúen a reforzar a educación para o desenvolvemento, tan necesaria, e que supón un dos piares do IES Carlos Casares”, en palabras do seu director.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button