ConcellosÚltima hora

Concerto solidario do prestixioso pianista trivés Fabio Álvarez na súa vila o 10 de agosto

Este músico, que recentemente actuaba en solitario no Carnegie Hall de Nova York, impartirá ademais unha masterclass gratuíta o día 12 de agosto no mesmo Auditorio Julio Vázquez

O pianista trivés Fabio Álvarez, residente actualmente nos EE.UU., reencontrarase coa súa vila neste verán dun xeito especial e altruísta. Ofrecerá un Concerto Solidario e impartirá unha Master Class gratuita no Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives.

Así no vindeiro sábado 10 de agosto actuará no Auditorio Julio Vázquez ás 20h. nun concerto benéfico. As entradas xa están á venda na Oficina de Turismo, Librería Estampero e Librería Mi libro. Teñen un prezo de 5€ (o 100% da taquilla será destinado á AECC). O aforo é limitado. Tamén están dispoñibles entradas da Fila cero.

“Quen non poida asistir ao concerto solidario pero non queira deixar de colaborar con esta causa solidaria, para conseguir unha maior recadación destinada á AECC, pode facer un donativo equivalente ao prezo da entrada do concerto. Estas entradas de Fila cero están dispoñibles nos mesmos puntos de venta que as anteriores”, explican dende o Concello de Trives. Ao remate do concerto, os asistentes poderán degustar un catering ofrecido de balde polo artista.

Ademais os estudantes de piano que o desexen poden asistir a unha masterclass que o propio Fabio Álvarez impartirá o luns día 12, tamén no Auditorio Julio Vázquez. A matrícula é gratuita e as prazas son limitadas. Para poder asistir será necesario inscribirse no teléfono 696 25 25 17.

Fabio Álvarez iniciaba os seus estudos de piano na Escola de Música de Trives, chegando ao máis alto co seu esforzo e traballo, e adquirindo formación en prestixiosas escolas como a de Musikene no País Vasco ou posteriormente na Manhattan School of Music en EE.UU.

Recentemente publicou o seu disco Musical Zodiac da man de George Crumb, tendo unha excelente crítica. Xa son varios os recoñecementos acadados polo seu traballo, nos pasados días recollía o Orpheus Classical Music Award outorgado polo selo discográfico Orpheus Classical en recoñecemento ao seu CD debut Musical Zodiac. Ademáis puido ofrecer un concerto como solista no Carnegie Hall (Manhattan, Nova York), un dos escenario máis emblemáticos dos Estados Unidos.

 

Artigos relacionados

Back to top button