En portadaÚltima hora

Concerto vertical a cargo de Fanfarria Taquikardia para animar o Día de Santa Rita no Barco

A charanga dará seis microconcertos pola vila, a partir das 12h. para escoitar dende as fiestras e balcóns; e pola tarde, ás 19h. haberá unha misa na honra á santa

Fanfarria Taquikardia tocando en Viloira, O Barco./ Foto: A.R.

 

Vivimos unha situación excepcional provocada pola pandemia do coronavirus e como tal a celebración deste ano da Santa Rita, este venres 22 de maio, será moi diferente ao que estamos acostumados.

Seguimos en estado de alarma, fase 1 en Galicia, polo que non haberá a tradicional celebración (por motivo de seguridade e control sanitario) pero si se notará que é día festivo. No apartado relixioso, haberá unha misa na honra da santa, avogada dos imposibles, ás sete da tarde na súa igrexa parroquial co aforo limitado ao 30%. E no que se refire ao cultural, o Concello do Barco non quere que esta data pase sen pena nin gloria.

Por iso, coa intención de levarlle á cidadanía unha mensaxe de optimismo, alegría e de ánimo, programaron un concerto vertical a cargo da Fanfarria Taquikardia, unha proposta musical “itinerante, divertida e compatible coas restricións actuais de mobilidade”.

 

Cartel co plano das actuacións.

 

Trátase dun evento moi especial co que volver encher as rúas de música en directo que os veciños poderán gozar desde as súas casas, asomados aos balcóns, fiestras ou terrazas, “intentando que a xente non saia á rúa, porque hai que manter a seguridade e se queremos que funcione a xente ten que colaborar”, asegura a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta. A actuación comezará ás 12 horas na praza do Príncipe e estará formada por seis micro concertos duns 15 minutos noutros tantos puntos da vila principalmente nos cruces ao longo da rúa Conde Fenosa e praza Andrés de Prada “para permitir ao público das diferentes zonas que poidan seguir o espectáculo sen problemas desde as casas”, explican dende o Concello, incidindo en que as paradas serán pola zona de influenza de Santa Rita e non máis aló.

Con esta iniciativa, o Concello do Barco dá un paso máis cara a “nova normalidade” tamén no eido cultural, “que é moi importante para o espírito e para a alma”, puntualiza a concelleira, asegurando que esta pandemia cambiou xa a nosa forma de vivir á que temos que adaptarnos, buscando alternativas.

Artigos relacionados

Back to top button