En portadaÚltima hora

Conclúe a mellora da estrada entre as localidades barquenses de Tremiñá e Xagoaza

O orzamento inicial da obra, incluída no Plan de Mellora de Camiños Rurais 2017-2018, ascendeu a preto de 50.000 euros
Entrada ao Mosteiro de Xagoaza (O Barco)./ Foto: A.R.

As obras de mellora da estrada entre Tremiñá e Xagoaza xa remataron. Esta actuación, incluída dentro do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2017-2018, contaba cun orzamento inicial de preto de 50.000 euros, segundo se informa dende o Concello do Barco.

A intervención consistía no arranxo do camiño que une as localidades de Tremiñá co Ferradal e Xagoaza, de titularidade municipal, “coa mellora da pavimentación do mesmo, eliminando así os problemas de inseguridade que tiña esta vía. Reforzouse o firme, coa incorporación dunha nova capa de rodadura máis axeitada ás características do tráfico rodado que soporta. Tamén se limparon e refinaron os bordos e a cuneta lateral para a drenaxe de augas pluviais”, tal e como se explica dende o Concello.

En total, as obras afectaron a 1.500 metros liñais de estrada, con dous tramos de actuación: “o que une Tremiñá e o Mosteiro, cunha lonxitude de 1100 metros e unha anchura media de 3,4 metros, con sobrelargos en certas zonas a modo de apartadoiros para permitir o cruce de vehículos. O outro tramo, entre o Mosteiro e o núcleo de Xagoaza, ten unha lonxitude de 400 metros, e unha anchura media de 2,5 metros”, segundo o Concello barquense.

As obras foron adxudicadas á empresa Osaga, SL. Paralelamente a esta obra, o Concello procedeu á pavimentación da praza da Pontepombeira, cun proxecto separado que tamén foi executado pola mesma empresa, cun orzamento de algo máis de 3.700 euros.

Por último, nesta mesma zona, o Concello procederá á restauración do muíño de Tremiñá, cuxo expediente de contratación está nestes momentos en prazo de presentación de ofertas. O orzamento do proxecto é de algo máis de 19.000 euros, e poderán presentarse ofertas ata o día 9 deste mes.

Artigos relacionados

Back to top button