En portadaÚltima hora

Conclúe con éxito a proba de funcionamento das sereas de aviso á poboación nunha ducia de presas ourensás

O obxectivo deste exercicio é garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación
Encoro das Portas (Vilariño de Conso)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Máis de 60 sereas adscritas a 22 presas galegas, entre elas unha ducia de ourensás, soaban ao longo da xornada do 19 de xullo. O primeiro sinal comeza a soar ás 9,00 da mañá na presa de Frieira e foise repetindo en distintas presas ata as 19,00 horas. Remataba así con éxito a proba de funcionamento das sereas de aviso á poboación.

As presas nas que se realizaban esta proba eran as de Castrelo, Albarellos, Portodemouros, Brandariz, Vilagudín, San Cosmade, Chandrexa, Guístolas, San Estevo, Santa Eulalia, San Martiño, Montefurado, Sequeiros, Casoio, Pumares, Cenza, As Portas, O Bao, Prada, Touro e Río Cobo.

Para a proba, contouse coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa); así como do persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente, membros de Protección Civil dos concellos afectados, e da Confederación Hidrográfica Miño Sil e Augas de Galicia.

“Con este exercicio, preténdense acadar dous obxectivos principais”, din dende a Consellería de Presidencia, “garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación. En Galicia, actualmente hai 41 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno”.

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sublíñase ademais “a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona”.

Artigos relacionados

Back to top button