CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Conclúe unha intensa e variada Semana Cultural en Lamalonga (A Veiga)

Desenvolvíase do 12 ao 19 de agosto cunha completa oferta de actividades promovidas pola Asociación Pepe de Barrio

Cunha andaina o 12 de agosto polas antigas minas de volframio de Vilanova comezaba o completo programa de actos da XIV Semana Cultural de Lamalonga (A Veiga) que organiza a Asociación Pepe de Barrio. A partir de aí seguían propostas moi diferentes e pensadas para todas as idades como un espectáculo de maxia, a recreación como de xunxían os carros antigamente, unha holi party e unha sesión de zumba ou un concurso de fotos.

Ademais, non faltaba a tradicional apertura dos museos do artista local Pepe de Barrio, que dá nome á asociación, para percorrer e redescubrir a súa variada e singular obra, especialmente en pedra e madeira. A Semana Cultural coincidía tamén coa celebración das festas de Lamalonga, que incluían a actuación rock de Zorrollos Band (organizada pola comisión de festas).

O programa completábase con propostas como unha merenda na pista (na tarde do sábado 18 de agosto) e, finalmente, cunha excursión a Lugo neste domingo 19 de agosto.

Fotos: Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento de Lamalonga “Pepe de Barrio”.

 

Interior dun dos museos de Pepe de Barrio en Lamalonga (A Veiga).

Artigos relacionados

Back to top button