EconomíaEconomíaÚltima hora

Conclúen as soltas de Torymus sinensis para frear a avespiña do castiñeiro

Solta de exemplares de Torymus sinensis en Galicia. Este insecto é un deprador natural da avespiña do castiñeiro.

Uns 4.200 pés de castiñeiro teñen sido tratados en Galicia contra a praga da avespiña (Dryocosmus kuriphilus) a través da solta do seu parásito, o Torymus sinensis, que impide aos insectos chegar á fase de multiplicación. A Xunta rematará neste mes os traballos de loita biolóxica contra a avespiña neste ano. “Cómpre destacar que cada un dos viais con parásitos instálase nunha árbore, pero non beneficia só a ese exemplar senón a toda a contorna, polo que o número de pés tratados é maior”, segundo se indica dende a Consellería do Medio Rural.

A titular deste departamento autonómico, Ángeles Vázquez, supervisaba na mañá do 19 de maio os labores de solta. Sumando todos estes puntos de solta, liberouse unha poboación de máis de 130.000 individuos de Torymus en toda Galicia, segundo Medio Rural. Ademais, este ano rexistrouse un importante incremento do número de individuos de Torymus, concretamente o dobre da solta realizada o pasado ano, con 84.000 femias e 49.000 machos, distribuídos nas catro provincias galegas.

Dentro das medidas de loita biolóxica de sanidade forestal que desenvolve a consellería inclúense asemade os tratamentos contra o chancro do castiñeiro, un fungo que afecta estas árbores. Ao longo deste ano, Medio Rural vai tratar uns 26.000 pés fronte esta outra doenza, co que xa serán arredor de 90.000 os tratados desde 2011.

Estes traballos supoñen un investimento total de preto de 680.000 euros no presente exercicio e desenvólvense nas catro provincias galegas, pero especialmente na de Ourense, na que existe unha maior afectación, xunto co sur de Lugo.

Artigos relacionados

Back to top button