ConcellosEn portadaParada de SilÚltima hora

Concorrida Romaría de San Bieito no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil)

 

A igrexa románica do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, referente patrimonial do municipio de Parada de Sil, acollía esta mañá a celebración da Romaría de San Bieito, Patrón de Europa, unha conmemoración entre relixiosa e lúdica recuperada hai xa uns anos e que tralo paso da pandemia regresaba este ano en todo o seu esplendor. De feito, a romaría contaba con moita participación.

Ás 12 horas iniciábase a misa no interior do templo e, a continuación saía a procesión coa imaxe do santo, amenizada polo grupo de gaiteiros Os Trabazos, que tamén poñían ritmo ao baile despois do culto.

 

 

O bus-lanzadeira ata o mosteiro, posto en marcha hai un ano a iniciativa do Concello, era nesta xornada gratuíto para os residentes de Parada de Sil, para facilitar deste xeito que puidesen asistir á romaría. As saídas eran ás 10:45 e ás 11:30 horas con posterior retorno a Parada.

En plena Ribeira Sacra ourensá e declarado BIC en 2008, o conxunto monumental e espiritual do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está encravado nunha “espectacular e grandiosa paraxe a carón do río Sil, no souto de Merilán, por debaixo do monte Varona”, segundo a información do propio Concello de Parada de Sil.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button