ConcellosÚltima hora

Concurso de talla en madeira con motoserra, en Sober

Esta iniciativa, incluída nos actos do “Mes de Amandi”, conta con oito participantes que poderán realizar os seus traballos ata o 7 de abril

 

Un dos participantes, preparando o tronco de castiñeiro.

 

A materia prima é un tronco de madeira de castiñeiro. A partir de aí os oito participantes no I Certame de talla en madeira con motoserra, que promove o Concello de Sober, poderán realizar as súas creacións. O concurso comezaba o 1 de abril e continuará ata o día 7, data na que deberán entregar as obras rematadas.

Os traballos estanse a facer ao aire libre, e máis en concreto, na praza do Concello. “Será condición indispensable que as pezas reflictan algún valor da Ribeira Sacra, relacionado coa viticultura, a paisaxe, ou o turismo, por exemplo”, sinala o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.

Este certame forma parte da ampla e variada programación da XXXVII edición da Feira do Viño de Amandi. “Dende o Concello esforzámonos en cada edición da Feira do Viño de Amandi por crear novas iniciativas que atraian ao maior número de visitantes e dean a coñecer os nosos recursos”, continúa o rexedor soberino. Deste xeito, precisa, “pareceunos unha magnífica idea a posta en marcha deste orixinal certame con demostracións dun oficio en vivo”.

 

Este concurso de talla con motoserra prolongarase ata o 7 de abril.

 

Todos os participantes poderán ceder as pezas ao Concello para ser expostas de xeito permanente en edificios públicos municipais. “No caso contrario, poderán levalas, salvo as tres gañadoras, que serán de propiedade municipal”, matiza Fernández Guitián. As pezas de propiedade municipal poderán prestarse aos autores para exposicións, sempre que así o soliciten.

 

Fotos: Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button