Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Coñecendo as claves da lactancia materna antes do parto

A asociación De Nai a Nai impartía un obradoiro de lactancia materna para embarazadas na tarde do 7 de novembro no Barco

O leite materno é o alimento ideal para un bebé. A súa composición vai cambiando e adaptándose ás súas necesidades e protéxeo contra unha serie de enfermidades. E ademais permite manter unha especial simbiose entre nai e fillo, tras o parto. Con estas referencias comezaba na tarde do 7 de novembro no Barco o obradoiro de “Lactancia Materna para embarazadas” que impartía Lorena Prada, presidenta do grupo de apego á lactancia e crianza con apego “De Nai a Nai”.

Prada explicaba o funcionamento da lactancia materna, falaba da composición do leite, do calastro, da fisioloxía da mama e da colocación e postura do neno para que poida mamar dun xeito adecuado e conseguir un agarre asimétrico, das crises de lactancia e como afrontalas… “Na lactancia materna hai que esquecerse do reloxio, é a demanda e cando o bebé queira”, matizaba a presidenta de De Nai a Nai. Tamén se desmontaban mitos sobre a lactancia materna, aclarando, por exemplo, que non é certo que unha muller cun peito pequeno non poida amamantar.

Esta será a cuarta edición deste obradoiro no Barco. A intención desta asociación é ademais organizar dous ao ano “para dar acceso a todas as mulleres á información actualizada sobre lactancia coa finalidade de que tomen unha decisión informada sobre a maneira de alimentar ao seu bebé”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button