EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Coñecendo o aproveitamento sostible e rendible do soutos de castiñeiros, en Sobradelo

 

Dende o souto ao mercado. O valor e rendabilidade da castaña galega como produto de calidade, o seu cultivo, coidados, produción, transformación e comercialización centraban a sesión formativa que impartía o secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Manuel López Vilariño, na tarde do 18 de outubro no Centro Social de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).

Na súa exposición sinalaba que o 59% da produción da castaña española está en Galicia, explicaba os tres circuítos aos que dirixe este froito na súa venda: o mercado en fresco (50-60% do total), a industria da primeira transformación coa castaña pelada e conxelada (40-50%) e a de segunda transformación (5-10%). Destacaba ademais o interese desta segunda transformación polo seu alto valor engadido. E subliñaba o feito de que tanto no mercado de primeira como de segunda transformación o 90% da castaña expórtase.

Vilariño falaba tamén dos sistemas de produción, da posibilidade de introducir un parque de maquinaria neste cultivo (na súa recolección e no posterior procesado), tendo en conta das condicións de cada produtor e como isto pode redundar ou non nunha maior rendabilidade.

 

Manuel López Vilariño, durante a charla en Sobradelo.

 

Amosaba cales son os factores que determinan a calidade e composición do prezo da castaña: que sexan “lotes homoxéneos, o sabor doce e textura firme, a baixa tabicación, o brillo, cor e forma da castaña; a súa boa conservación, unha pel sen defectos… Factores aos que hai que engardirlle na segunda transformación “a porosidade adecuada que permita facer un bo marrón glacé e isto só o ten a castanea sativa, non a castaña chinesa, por exemplo, e por iso págase máis pola galega”, matizaba.

Seguidamente Vilariño resaltaba a importancia de contar cunha IXP Castaña de Galicia de cara a certificar “unha orixe, unhas variedades, un proceso de produción e unha calidade” ante o consumidor de castaña galega. Falaba tamén de que están catalogadas 81 variedades na comunidade galega, do ecosistema do souto e de diversos modelos de xestión dos soutos.

No marco da charla tamén se analizaban as enfermidades do castiñeiro (como o chancro ou a tinta) e as súas pragas (como a avespiña) e o xeito de facerlles fronte de maneira adecuada e eficaz. Esta sesión, que se está a impartir neste outono en diferentes puntos de Galicia, está organizada polo Agacal en colaboración coa IXP Castaña de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button