CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Conexión musical entre Galicia e Portugal no MUMI Verín’20

Máis de 100 profesionais participarán neste encontro entre ambas industrias musicais, que se desenvolverá do 12 ao 14 no marco de "O teu Xacobeo"

Asistentes á presentación do I MUMI no Auditorio Municipal de Verín.

 

A organización do MUMI Verín’20, I Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal, anunciaba na mañá deste 5 de marzo o calendario completo das actividades que desenvolverá nesta vila ourensá do 12 ao 14 deste mes no marco do programa O teu Xacobeo, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participaba na presentación xunto a Diego Lourenzo e Emilia Somoza, tenente de alcalde e concelleira de Cultura do Concello de Verín; Ana Villarino, deputada de Turismo da Deputación Provincial de Ourense e os representantes da organización do encontro: Emi Candal, de Urdime SCG, e Inés Portela, de Madapro, pola banda galega, e José Costa, de Banzé, pola portuguesa.

No acto, Sutil subliñou o interese das propostas para os profesionais acreditados, como as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma.

 

Presentación do I Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal.

 

Unha parte da programación ábrese, así mesmo, ao público xeral de xeito gratuíto, comezando polo concerto de benvida, que dará comezo o xoves 12, ás 19:30 horas coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David como anfitrións dun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.

Ademais, tanto o xoves como o venres, as últimas citas musicais da xornada compartiranse cos espectadores que así o desexen, previa retirada dos convites no despacho de billetes do Auditorio Municipal, tanto para as actuacións neste espazo como para as da Casa da Cultura, e de entrada libre para as que terán lugar en diferentes bares de Verín.

Os galegos Familia Caamagno, Pálida e Os D’Abaixo mais os portugueses Cassete Pirata, Bad Legs e Spicy Noodles completan este cartel, que inclúe así mesmo animación e música e danza tradicionais nas rúas.

Artigos relacionados

Back to top button