ConcellosÚltima hora

Confederación Hidrográfica Miño-Sil sanciona ao Concello da Rúa

A multa ascende a uns 2.000 euros pola tala masiva nas zonas da Reza e A Figueiriña
A alcaldesa da Rúa, María G. Albert e Luis Fernández Gudiña. /Foto: Mónica G. Bellver.
A alcaldesa da Rúa, María G. Albert e Luis Fernández Gudiña. /Foto: Mónica G. Bellver.

Tal como esperaban tanto o BNG como o PSdeG-PSOE (que dende a oposición presentaban unha denuncia ante o organismo polas irregularidades cometidas), a Confederación Hidrográfica Miño Sil vén de sancionar ao Concello da Rúa pola tala de árbores que tiña lugar en diferentes puntos da localidade, á beira do río Sil.

Os feitos remóntanse ao mes de febreiro, cando se levaba a cabo unha importante corta de todo tipo de árbores dende a zona da Reza ata o Aguillón, unha actuación que espertou unha gran polémica entre a poboación. A daquelas oposición solicitara un pleno extraordinario no que preguntaron ao alcalde do PP, Avelino García Ferradal, polos feitos e ante a falta de respostas, BNG e PSdeG-PSOE interpoñían unha denuncia ante a Confederación que decidía “incoar expediente sancionador contra Maderas La Cigarrosa, S.L. e Concello da Rúa” por incumprimentos da resolución dos tres expedientes que deran permiso para esa corta, na Reza e na Figueiriña.

Dous meses despois de ser incoados os expedientes sancinadores, o Concello da Rúa, coa nacionalista María González Albert na alcaldía tralas eleccións do 24 de maio, recibía a notificación de dúas multas: “unha de 600 euros pola tala na zona da Reza e outra de 1.292,80 pola da zona da Figueiriña (máis 91,92 euros por danos producidos ao dominio público hidráulico), ascendendo a case 2.000 euros que o Concello terá que pagar” explica a alcaldesa, que facía o anuncio nunha rolda de prensa celebrada na tarde do 22 de xuño xunto ao concelleiro socialista Luis Fernández Gudiña.

Artigos relacionados

Back to top button