CulturaCulturaÚltima hora

Conferencia e exposición sobre a guerrilla antifranquista nos montes de Casaio, no Barco

Será impartida polos investigadores de Sputnik Labrego Carlos Tejerizo e Alejandro Rodríguez o venres 23 de novembro ás 20h. no Casino
Algúns dos restos arqueolóxicos atopados na Cidade da Selva./ Foto: Mónica G. Bellver.

Os obxectos recuperados na escavación arqueolóxica que se realizaban neste verán nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) nos que estaba a chamada “Cidade da Selva” falan e contan moitas cousas. Cousas ata agora apenas coñecidas sobre eses campamentos da guerrilla antifranquista, considerados o núcleo central de asentamento da Federación de Guerrillas de León-Galicia. Esta intervención levábaa a cabo o grupo de investigación Sputnik Labrego, en colaboración coa Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, en tres chozos nos contextos das Morteiras e do Teixadal.

Os obxectos recuperados, analizados e estudados expoñíanse por vez primeira na Casa da Escola de Casaio e agora poderán verse no Barco. Será no marco dunha conferencia e da inauguración dunha exposición no Casino da vila, titulada “A Cidade da Selva e a guerrilla antifranquista no noroeste peninsular”, que terá lugar o venres 23 de novembro. Nela contarase coa presenza de dous dos investigadores de Sputnik Labrego, Carlos Tejerizo (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Incipit) e Alejandro Rodríguez (Universidade de Santiago de Compostela).

“A cantidade de obxectos foi espectacular é, sen dúbida algunha, un dos maiores conxuntos de obxectos relacionados cun movemento guerrilleiro en toda Europa, xunto cos traballos que se están facendo en Grecia o Italia”, aseguraban estes dous investigadores na xornada de portas abertas que tiña lugar en setembro en Casaio. Nuns días ese conxunto de materiais arqueolóxicos poderá descubrirse na mostra que estará aberta entre o 24 e o 30 de novembro (de 19 a 21h.) no mesmo Casino do Barco. Esta charla e exposición son promovidas polo Instituto de Estudios Valdeorreses.

Artigos relacionados

Back to top button