ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Conferencia, xogos, teatro e cine para conmemorar o Samaín no Barco de Valdeorras

A Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán acollerá a “Festa de Medo” o 31 de outubro

Cunha programación moi completa se presenta este ano a celebración do Samaín no Barco. Unha tradición “moi nosa que está ensombrecida polo Halloween que nos chega de rebote, porque fomos os galegos os que levamos a festa a América e volveunos rebotada hai relativamente pouco tempo con outro nome”, asegura a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. Por iso está especialmente orgullosa de poder contar cun dos maiores estudosos desta festa, Rafael López Loureiro, que dará unha conferencia o 30 de outubro. Ás 20h. achegarase ata a Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán para falar “da transición do Samaín ao Hallomaín (Biografía dunha perversión) como debería ser pero os ingleses veñen pisando e ensombrecendo as nosas tradicións”, di Marga.

Despois dese aperitivo, o 31 de outubro será o turno para a “Festa de Medo na Biblioteca”. Tal como explica a propia concelleira, o motivo de facelo neste lugar é porque foi onde naceu hai tres anos como unha actividade de animación e porque “gústame que os nenos veñan á biblioteca non só a ler e estudar senón a divertirse”, pero pode que para o ano que vén cambien de ubicación. A festa comezará ás 18h. e haberá pintacaras, fotomatón e un concurso de disfraces con dous premios, un para o disfraz máis orixinal e outro para o que máis medo dé, para nenos e tamén para adultos cun premio moi especial: dúas entradas (unha infantil e outra adulta) para o Mega Jump da Coruña, que mestura o apartado lúdico co deportivo. Ademais a partires da 20 h. haberá un contacontos de medo a cargo de Zoe Ramos e Miguel Ortiz do obradoiro de teatro do IES Martaguisela, e en torno ás 21h. unha sesión de malabares a cargo do barquense Guti González na praza Andrés de Prada. Este ano ademais haberá de novo “Noite de Medo” para un máximo de 30 nenos de 5 a 9 anos. Quen desexe quedar a pasar a noite na biblioteca deberá inscribirse no propio local. Haberá cea, sorpresas e sesión de cine baixo a supervisión de dous monitores. A recollida dos cativos será ao día seguinte a partires das 9 da mañá.

A cousa non acaba aí e para o día 3 de novembro está prevista a representación da obra Drácula de Abubukaka, compañía de teatro canaria que está de xira por Galicia e recalará no Teatro Lauro Olmo a partires das 20h. cun espectáculo para todos os públicos. A programación de cine comercial da fin de semana tamén incluirá por primeira vez dous filmes de medo, un para o público infantil e outro para o adulto.

Relacionando o Samaín co magosto repetirase a exposición a cargo dos alumnos de Primaria sobre personaxes de medo da literatura galega que poderá verse na bibliotexa. E xa o día 11 de novembro como marca a tradición, rematará a programación co magosto popular na praza de Viloira a partires das seis da tarde.

Artigos relacionados

Back to top button