Dende os concellos de Trives, Río e Manzaneda emitíase á última hora da pasada noite un comunicado no que se cifraban en 11 os positivos de Covid-19 rexistrados na Área do PAC de Trives o 26 de outubro. “Segundo os cómputos da Xunta confirmábannos cero positivos en Manzaneda, tres en Trives e catro en San Xoán de Río”.
Sen embargo, no comunicado matizan que, “tras as comunicacións recibidas dos afectados e contrastadas entre os alcaldes dos tres municipios e cos médicos do noso PAC, a esta hora a situación é de 11 positivos no PAC, que se reparten do seguinte xeito: 1 no Centro de Saúde de Río desprazado, 1 no Centro de Saúde de Río residente en Río e con actividade en Trives, 2 do Centro de Saúde de Río pero residentes en Trives, 1 positivo no Centro de Saúde do Barco pero residente en Trives e con actividade en Manzaneda, 1 no Centro de Saúde de Chandrexa pero residente en Trives, 1 dun Centro de Saúde de Ourense pero residente en Trives e 4 positivos do Centro de Saúde de Trives e residentes neste mesmo municipoi (1 deles con actividade tamén en Manzaneda, outro ingresado agora no hospital comarcal).
Así mesmo os alcaldes indican que todas as persoas “atópanse confinadas e fíxose rastrexo dos seus contactos. Igualmente, estanse a facer máis probas aos contactos destas persoas, algúns xa con resultado negativo”.
Os rexedores de Río, Manzaneda e Trives queremos “enviar unha mensaxe de tranquilidade e ánimo a toda a veciñanza e aplemos á responsabilidade individual, hoxe máis que nunca. Dende os concellos estivemos a facer xestións no día de hoxe solicitando medidas preventivas urxentes nos centros escolares, se ben indicáronnos que hai que seguir estritamente o protocolo e que non se consideraba un gromo polo momento. Moito ánimo, xuntos acadaremos, coma sempre, un bo resultado”.