ConcellosÚltima hora

A conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no pleno do Barco

A Corporación barquense aprobaba unha moción de Riada Cidadá sobre esta materia e o concelleiro de Igualdade adiantaba os actos que se levarán a cabo en Valdeorras con motivo desa data
O alcalde do Barco, presidindo a sesión plenaria do 2 de novembro.

Entre os puntos que saían adiante na sesión plenaria que a Corporación barquense celebraba na tarde do 2 de novembro estaba unha moción presentada polo concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, con motivo da conmemoración o vindeiro 25 de novembro do Día internacional contra a Violencia de Xénero “en complemento dos actos de sensibilización a desenvolver para concienciar aos veciñ@s da necesidade de erradicar esta lacra social”.

A moción, que resultaba aprobada por unanimidade, solicitaba ao goberno central que se “acurten os prazos establecidos na execución do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no referido á seguridade das mulleres”, tamén que se “poñan en funcionamento as medidas adoptadas” no citado Pacto de Estado, en especial aquelas relacionadas “coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres supervivintes e dos seus fill@s”. Finalmente solicitábase ao goberno do Estado que “active e traslade as partidas orzamentarias acordadas para a execución do Pacto do Estado ao conxunto das administracións implicadas: Comunidades Autónomas, Deputacións provinciais e concellos”.

 

O concelleiro de Riada Cidadá, na exposición da moción.

 

No debate da moción, o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Orlando Saavedra, manifestaba o firme compromiso do Concello “coas mulleres vítimas de violencia de xénero” e anunciaba, que un ano más, dende o Concello do Barco se impulsarán unha serie de actos para conmemorar o 25 de novembro. Serán ademais accións conxuntas con outros concellos da comarca como A Rúa, Vilamartín, Petín e A Veiga e nelas implicarase ao sector empresarial, así como aos centros educativos. Entre estes actos figura unha andaina prevista para o propio 25 de novembro. Pola súa banda, o PP, tamén apoiaba a moción. “Calquera acto que poida mitigar a dor destas mulleres contará co noso apoio”, dicía Arsenio Moldes, voceiro do grupo municipal do PP no Barco.

Nesta mesma sesión plenaria tamén se aprobaban, entre outros puntos, bonificacións de ICIOs para varias obras, así como a fixación dos méritos locais para a provisión de praza de adxunto á secretaría no vindeiro concurso unitario de traslado de funcionarios de administración local con habilitación nacional.

Artigos relacionados

Back to top button