OurenseÚltima hora

Conmemoración do 42º aniversario da Constitución Española, en Ourense

Durante o acto entregouse un obsequio ao alumnado gañador na categoría de ESO, Bacharelato e Ciclos Medios de Formación Profesional da XXXVI Edición do Concurso da Constitución, celebrada no ano 2019

O subdelegado do Goberno Emilio González, durante o seu discurso.

 

Na mañá deste xoves 3 de decembro, tres días antes da data oficial, a sede da Subdelegación do Goberno  en Ourense acollía cun aforo reducido para respectar as medidas de prevención do Covid-19, a conmemoración do 42º aniversario da Constitución Española.

Foi un acto presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, quen apelou ao espírito de concordia e unidade para lograr novos consensos que permitan avanzar cara “unha España máis xusta”. No seu discurso, destacou que a Constitución de 1978 aporta o marco de seguridade xurídica e de certeza no que desenvolvernos. “Así se demostrou neste ano 2020 no que foi preciso mobilizar todos os nosos instrumentos institucionais para facer fronte á maior pandemia que vivía a humanidade nos últimos cen anos”.

 

A conmemoración en Ourense do 42º Aniversario da Constitución Española celebrouse na sede da Subdelegación.

 

González subliñou que tanto o estado de alarma como a cogobernanza do Goberno central e das Comunidades Autónomas “foron elementos necesarios para controlar o virus, defender a saúde pública e salvar vidas”, incidindo na necesidade de “recuperar o valor da palabra e o espírito de diálogo como en 1978 para, dende a unidade, seguir traballando para saír da crise sanitaria e económica sen deixar a ninguén atrás”. Así mesmo, o subdelegado salientou que “a nosa Constitución é a ferramenta máis eficaz para construír un futuro sen exclusións nin renuncias aos noso principios e conquistas democráticas e con pleno respecto aos dereitos e liberdades humanas”.

No seu discurso, Emilio González tivo un recordo especial para os ourensáns que faleceron a causa do coronavirus e quixo transmitir a súa “solidariedade e o meu cariño ás súas familias e achegados que sufriron esta enorme perda”. Así mesmo, agradeceu o traballo colectivo e o civismo demostrado pola cidadanía durante todos estes meses, trasladando o seu recoñecemento, “institucional e persoal, a todos os traballadores que realizaron unha inxente labor durante a pandemia, en especial aos profesionais sanitarios e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

 

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, no acto.

 

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén subliñou “a importancia e a vixencia do texto constitucional que nos fixo convivir en paz e en progreso”; por iso, engadiu “manter os valores que representa a nosa Constitución: igualdade, liberdade, xustiza e pluralismo político, implica un compromiso persoal por parte de todos e cada un de nós”

Durante o acto procedeuse á entrega dun obsequio ao alumnado gañador na categoría de ESO, Bacharelato e Ciclos Medios de Formación Profesional da XXXVI Edición do Concurso da Constitución, celebrada no ano 2019, posto que a viaxe a Madrid para visitar o Congreso e o Senado coa que resultaran premiados non se puido levar a cabo polas restricións derivadas do Covid-19. Recolleron os premios representantes dos nove colexios e institutos nos que cursan estudos os gañadores.

Ao acto asistiron o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o subdelegado de Defensa, Gustavo Doncel; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; e o bispo da Diocese de Ourense, J. Leonardo Lemos.

 

Autoridades asistentes ao acto conmemorativo en Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button