DeportesÚltima hora

Conseguido o reto solidario das 5+1 Subidas ao Alto da Portela dende Viloira (O Barco)

Catro amigos e compañeiros na Peña Ciclista Valdeorras Bike completaban este sábado o traxecto, duns 180 km e 4.500 m de desnivel positivo e outros tantos de negativo

 

Rozando as sete da tarde deste sábado, e mantendo o horario previsto, completaban os case 180 km (con 4.500 m de desnivel positivo e outros tantos de negativo) do seu reto deportivo e solidario: 5+1 subidas consecutivas ao Alto de Portela dende Viloira (O Barco). Juan Carlos “Cacaito”, Víctor “Anfibio”, Antonio “Cholas”, Víctor e Fernando “Pin”, catro amigos e membros da Peña Ciclista Valdeorras Bike chegaban á praza de Viloira, cansos, sufrindo os efectos do intenso calor, pero tamén moi satisfeitos.

Deste mesmo punto partían ás 8h. para iniciar a primeira subida. Canda eles estaba outro ciclista da peña, máis novo, Víctor, que tras a terceira volta víase obrigado a deixar a proba por problemas na súa bicicleta.

 

 

 

Era precisamente nesta terceira volta onde os participantes neste reto solidario e non competitivo comezaban a notar os efectos do calor. “Ao chegar a Santigoso, cunha paisaxe completamente queimada, o termómetro marcaba 40 graos. O calor foi o que máis complicou a proba, foi terrible”, explicaban.

 

 

Aínda así, os catro superaban o reto, que inicialmente eran 5 voltas que acababan convertíndose en 6. Con esta iniciativa pretendían amosar a súa solidariedade polos lumes que devastaban hai pouco máis dunha semana Valdeorras e outras zonas galegas, facerlle unha montaña ás montañas e á paisaxe e pedir que se repoboen estas paraxes. Xunto a iso, estes ciclistas adícanlle este reto a “El Motor de tus pasos”, unha asociación que recauda fondos para a investigacion da enfermidade Charcot Marie Tooth.

Fotos cedidas, agás as tres últimas da galería que son de A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button