ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A conselleira do Medio Rural visita o tramo da Via Nova romana recuperado na Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)

Ademais visitaba outras actuacións realizadas a través do GDR Valdeorras como é o caso do acondicionamento da ponte Casaio e da igrexa de Sobradelo, ambas en Carballeda

Co fin de coñecer as actuacións realizadas no marco do GDR Valdeorras, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, viaxaba na mañá do 12 de xaneiro ata esta comarca ourensá. Primeiro achegábase ata o municipio de Rubiá, onde, estaba acompañada polo seu alcalde, Elías Rodríguez; polo xefe territorial da consellería na provincia de Ourense, Iago Borrajo; e pola alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e presidenta do GDR, María Carmen González.

Alí visitaba o espectacular tramo da Vía Nova romana que se recuperaba e poñía en valor a finais do pasado ano. Fíxose a limpeza, levantamento topográfico, sondaxes e sinalización dun treito desta calzada imperial situada no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, co fin de recuperala desde o punto de vista histórico, cultural e social. Leváronse a cabo varios cortes transversais para estudar o afirmado da plataforma da vía e ademais colocáronse tres paneis explicativos na ruta.

Seguidamente a conselleira do Medio Rural chegaba a Carballeda de Valdeorras para ver o acondicionamento do espazo urbano na contorna da ponte Casaio Este proxecto atópase executado, aproximadamente, ao 50%. Contémplase o reforzamento e mellora da estrutura da ponte, a dotación de mobiliario urbano, apeadoiro, canalización dos cables aéreos e alumeado público, entre outras intervencións. Finalmente visitaba a igrexa de Sobradelo, no mesmo municipio, onde se acometeron labores, xa practicamente rematados, de impermeabilización e mellora do seu solo, estrutura, paredes e sistema de calefacción.

O percorrido por Valdeorras tiña continuaba na Veiga para ver as melloras, tamén xa finalizadas, do centro apícola de Prada. Dotouse de expositores, mesas de cata e cadeiras para a instalación dunha sala de exposicións e sala de catas e degustación, xerando desta forma un área comercial dentro das instalacións. Tamén se levou a cabo a colocación de chan radiante nas salas de manipulación do mel.

Todas estas iniciativas recibiron o apoio financeiro do GDR Valdeorras, unha asociación creada en 2008 que desenvolve as súas actuacións nos nove concellos da comarca (Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, A Veiga e O Bolo), que contabilizan unha poboación de máis de 26.700 habitantes e unha extensión de 969 km2.

Ángeles Vázquez destacaba que os seis grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Ourense xestionarán 4,6 millóns de euros no bienio 2017-2018 para impulsar diferentes proxectos no agro desta provincia.

Artigos relacionados

Back to top button