SanidadeÚltima hora

O Consello da Xunta aproba o proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia

Este texto contempla a desaparición da área sanitaria de Valdeorras, que pasa a converterse en distrito, e a creación dunha área única para a provincia de Ourense
O pesidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co conselleiro de Sanidade, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Na reunión do Consello da Xunta celebrada na mañá do 7 de decembro vén de aprobarse o proxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Esta reforma lexislativa reformula 14 artigos e incorpora tres artigos novos, “cos cales se adapta a normativa ás novas realidades e inclúe aspectos máis especificamente axeitados ao marco normativo actual (estatal, básico e autonómico)”, segundo a Xunta.

A reforma aborda a organización territorial da sanidade galega, que, no caso da provincia de Ourense, supón a desaparición da área sanitaria de Valdeorras, que pasa a converterse en distrito, quedando unha única área saniaria: a da provincia de Ourense. En total a nivel galego crearanse 14 distritos sanitarios ligados “á institución hospitalaria existente no seu ámbito territorial, mantendo a agrupación de concellos que se realiza nos decretos de creación das EOXI”, segundo a Xunta. Tamén se indica que a nova “organización territorial pretende acadar unha “utilización óptima dos recursos dispoñibles, tanto materiais como humanos, dentro do ámbito territorial da área sanitaria, con maior coordinación entre primaria e hospitalaria; ao mesmo tempo que favorece que a poboación galega dispoña en todo momento dunha organización sanitaria máis eficiente”.

 

Entrada principal do Hospital Comarcal de Valdeorras, no Barco.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, aseguraba tras a reunión do Consello que “a aprobación da reforma da Lei de saúde blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos sanitarios, de tal xeito que ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é por lei e por autorización parlamentaria”.

Esta modificación lexislativa tamén aborda a participación social no ámbito sanitario, a consideración de autoridade sanitaria, a mobilidade e itinenarios profesionais, e o establecemento de principios básicos para regulación da docencia, investigación e innovación. Para o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, “o paciente é o gran beneficiado desta reforma de lei”, xa que haberá máis e mellores servizos nos hospitais comarcais e servizos que serán cada vez máis próximos á poboación.

Dende os grupos da oposición vense de amosar o seu rexeitamento frontal a esta reforma. Así o portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, acusaba hoxe ao presidente da Xunta de ter “consumado un ataque deliberado contra os hospitais das áreas sanitarias eliminadas e os pacientes que son atendidos neles”. Así o dixo logo de coñecer a aprobación “en plena ponte da Constitución, da reforma da Lei de Saúde que consolida a integración de Burela, Salnés, Monforte e Valdeorras nas áreas das grandes cidades”.

Torrado aseguraba tamén que co “anuncio da creación de 14 distritos, o que queren agochar é que non van dar un paso atrás na súa folla de ruta para sabotear a sanidade pública” e criticaba que “nin sequera teñan a valentía de admitir que tódolos hospitais incluídos nos pretendidos distritos, en realidade son absorbidos polas áreas sanitarias”.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aludía ao “novo recorte nos servizos sanitarios galegos que se esconde detrás da reforma aprobada hoxe no Consello da Xunta”. Pontón aseguraba que que o PP terá “enfronte ao BNG ante este novo recorte que suprime catro áreas sanitarias e rebaixará as prestacións sanitarias nos hospitais comarcais”.

Dende o grupo parlamentario de En Marea, o seu portavoz, Luis Villares, crtica a aprobación da reforma da Lei de Saúde “aproveitando a véspera dun festivo e no medio dunha longa ponte coa que, unha vez máis, o Goberno galego pretende que pase desapercibido”. Ademais considera esta reforma como “o novo desmantelamento da atención primaria por parte do Goberno galego”. E resalta a “gravidade da desaparición das áreas sanitarias e que padecen xa os efectos da chamada xestión integrada, con falla de profesionais, lista de agarda, derivacións a Lugo, no caso da Mariña e Monforte, ou a Ourense no Barco, ademais das derivacións a hospitais privados”.

Artigos relacionados

Back to top button