En portadaGalerías de fotos

Constitúense as novas corporacións municipais

O novo mapa político municipal froito das eleccións do 24 de maio cobra forma. A primeira das corporacións en constituírse en España era a de Sober, ás 00:01 minutos. Xa ao longo da mañá do 13 de xuño ían conformándose os novos plenos dos concellos. No caso da provincia de Ourense, a súa capital estará gobernada en minoría polo PP, tendo como alcalde a Xesús Vázquez, despois de que na sesión plenaria celebrada ás 11h. cada un dos grupos con representación (PP, DO, PSdeG-PSOE e OeC) votasen aos seus candidatos. Polo tanto, resultaba elixida a lista máis votada, é dicir, a dos populares.

No caso do Carballiño, cuxa corporación se formaba ás dez, resultaba elixido alcalde Francisco Fumega, cos votos do partido socialista. Foi o único candidato que se presentaba no pleno á alcaldía. O mesmo sucedía no Barco, onde Alfredo García renovaba por quinta vez como rexidor desta vila valdeorresa co apoio de dez concelleiros. O resto de edís (6 do PP e 1 de Riada Cidadá), non presentaban candidato e abstíñanse na votación. Alfredo García prometía o seu cargo rodeado de “amigos, familia” e, por primeira vez, “dos seus netos”. Entre os momentos da sesión, á que tamén acudía o novo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, destacaba o protagonizado por Luis Arias, quen foi concelleiro durante máis de 25 anos neste municipio, e que lle entregaba simbolicamente a súa carteira a edil que se encargará do Medio Rural. Nesta galería de imaxes poden verse diferente momentos deste pleno barquense, celebrado ás doce do mediodía.

Moi madrugadores eran no Concello de Vilamartín, coa constitución da nova corporación pouco despois das dez da mañá. A esa hora, o socialista Enrique Barreiro era proclamado novo alcalde, logo de conseguir seis dos nove concelleiros nos comicios de maio. Nun salón de plenos abarrotado de público, a sesión desenvolvíase sen incidentes, coa votación dos seis concelleiros socialistas fronte aos dous populares e un do partido independente. Xa como alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique asegurou que se sinte “orgulloso de formar parte dun concello que amosou dun xeito tan claro a súa madurez política e a súa valentía, que deixou atrás tanto os compadreos coma o medo ás ameazas e chantaxes e dicidíu votar con responsabilidade”.

Unha hora despois, a nacionalista María González Albert era proclamada alcaldesa, a primeira na historia da Rúa, grazas aos votos dos tres concelleiros do BNG e os tres do PSdeG-PSOE (o portavoz socialista renunciaba á candidatura), fronte aos cinco do PP. Xa como alcaldesa, María cedía o turno de intervencións ao candidato popular Avelino García quen asegurou que lle daría os “cen días de rigor para poñerse a traballar o 24 de setembro cumprirase o 101 e a oposición terá que ser oposición”. Tamén o socialista Luis Fernández Gudiña tiña a súa intervención asegurando que “ábrese un novo tempo, unha nova forma de facer política”. O acto remataba coas palabras de María quen asegurou que “é un orgullo enorme ser alcaldesa da miña vila, o lugar onde nacín, crecín, onde me formei e onde vivo. É unha honra e espero traballar estes catro anos para todos e para todas”.

Noutro punto de Valdeorras, en Rubiá, o popular Elías Rodríguez Núñez era reelixido alcalde desta localidade pasada a unha da tarde, co apoio de seis concelleiros (o socialista Rafael López renunciaba á candidatura e tanto el como a súa compañeira de partido, abstíñanse na votación). A terceira edil socialista electa non asistía ao pleno. Tralo nomeamento, un emocionado Elías deu á benvida á “este solemne e entrañable acto, que non por repetir deixa de ser emocionante, sendo unha honra o feito de ser alcalde no pobo no que un nace e vive, pero tamén unha gran responsabilidade”.

En Viana do Bolo finalmente o alcalde será nacionalista. Secundino Fernández, vén de tomar posesión como rexidor deste concello. O PSdeG-PSOE decidía apoiar durante o pleno constituínte da Corporación de Viana, a investidura como alcalde do candidato do BNG, pero o concelleiro socialista matizaba que “non entraremos a formar parte do goberno municipal”.

No caso do Bolo resultaba reelixido de novo o popular Manuel Corzo, en Petín o socialista Miguel Bautista, mentres que en Trives lograba ser investido alcalde, por primeira vez por maioría absoluta, o independente Francisco José Fernández. Ademais David Rodríguez Estévez, de Son de Manzaneda-Anova, tomaba o bastón da alcaldía cunha nova maioría absoluta neste municipio. Maioría absoluta lograba asimesmo Ventura Sierra, do PP, en Vilariño de Conso, cuxa corporación se formaba tamén no mediodía.

No referente a Verín, prodúcese un cambio ao fronte da alcaldía. Na sesión constituínte da nova lexislatura o arquitecto Gerardo Seoane, que lideraba a lista do PSdeG-PSOE, era investido como novo alcalde contando cos votos do BNG. No caso de Celanova, continuará ao fronte do Concello José Luis Ferro (tras obter oito concelleiros), quen ademais se ocupará das áreas de Cultura, Turismo e Promoción Comercial ao considerar que neses tres ámbitos serán nos que pivote o desenvolvemento económico futuro de Celanova, tal e como afirmaba no seu discurso de investidura pronunciado no salón de plenos o pasado día 13.

Entre as últimas corporacións en constituírse estaba a de Castro Caldelas. A súa sesión plenaria celebrábase ás oito da tarde e nela era investida como alcaldesa a socialista Sara Inés Vega Núñez. Á mesma hora formábase tamén a nova corporación quiroguesa, xa na provincia de Lugo, na que resultaba reelixido como rexidor Julio Álvarez, do PP.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella/ Clemente Pérez/ Fernando Santalla/ Rosa Díaz
Imaxes de Vilariño de Conso e de Quiroga: cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button