En portadaÚltima hora

A construción impulsa a recuperación laboral en Valdeorras

É unha das conclusións do sétimo informe do Observatorio Económico Ourensán que se vén de presentar no Barco
O presidente do Inorde, a concelleira de Comercio do Barco e o xerente do Inorde, na presentación do informe./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O presidente do Inorde, a concelleira de Comercio do Barco e o xerente do Inorde, na presentación do informe./ Foto: Ángeles Rodríguez.

“Valdeorras é unha comarca eminentemente industrial, posiblemente a máis industrial da provincia e os datos van en consonancia con iso”. Rosendo Fernández, presidente do Inorde, comezaba deste xeito a presentación do sétimo informe do Observatorio Económico Ourensán referido á comarca de Valdeorras. Facíao no Barco na mañá do 17 de marzo nun acto no que participaban a concelleira de Comercio barquense, Irene Dacal, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, quen de seguido desgranaba o estudo, que se estrutura en tres grandes apartados: evolución do mercado de traballo, estrutura empresarial e demográfica, xunto coas pensións.

No aspecto demográfico, José Manuel Rodríguez resaltaba que Valdeorras “é a comarca que menos perda de poboación ten na provincia e a que menos desequilibrios presenta”. Tamén destacaba o feito de que “a construción volve a coller ritmo” e esta a tirar da recuperacióin laboral nesta comarca. Este sector xerou “un 9% de emprego neto en 2015 e foi o artífice de que a comarca gañou un 1,3% de postos de traballo no último ano, a terceira maior subida da provincia, só superada por Terra de Caldelas (2,4%) e Allariz-Maceda (1,4%). Despois da construción, agora mesmo o segundo motor laboral de Valdeorras é o sector servizos, que impulsou un 1,6% de novo emprego no último ano. Mentres, a industria atópase nunha fase de estancamento e mesmo perdeu un 0,6% de postos de traballo en 2015. A maior caída deuse na agricultura (-2,8%), sector que xa só contabiliza 317 afiliacións a nivel comarcal”.

O acto tiña lugar no edificio multiusos do Barco e nel participaban empresarios e representantes municipais./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O acto tiña lugar no edificio multiusos do Barco e nel participaban empresarios e representantes municipais./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Tamén insistía o xerente do Inorde na condición industrial da comarca de Valdeorras, tal e como amosa o dato de que desta actividade depende máis da cuarta parte do emprego total da comarca, en concreto o 27,3%, cando o peso relativo
medio na provincia de Ourense é o 14,7% e no conxunto de Galicia o 13,8%. “A extracción e transformación da lousa fai posible que as proporcións de emprego industrial en Valdeorras dupliquen ás existentes na maior parte de Galicia”. Aínda así José Manuel Rodríguez matizaba que os niveis de actividade de afiliacións aínda están lonxe dos que se daban antes da crise.

Un dos momentos da presentación./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Un dos momentos da presentación./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Asemade no informe abórdase a situación das pensións e a media con respecto ás outras comarcas ourensás. A exposición completábase cunha serie de referencias ao novo período de financiamento europeo 2014-2020, así como ás liñas que dende a Deputación de Ourense se van seguir para optar a eses fondos comunitarios.

Este acto contaba coa presenza de representantes municipais como o alcalde de Vilamartín e a alcaldesa da Rúa, así como de empresarios, entre os que estaban directivos da Asociación Empresarial de Valdeorras, O Barco Centro Comercial Aberto, Trevihost ou ATREMAN, entre outros.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button