DeportesÚltima hora

Conta atrás para a 12 Carreira dos Santiños do Barco que coincide coa xornada electoral

A saída adiántase nesta edición media hora, será ás 11:30h. do 10 de novembro dende as pistas de Calabagueiros

Saída da Carreira dos Santiños no Barco./ Foto: A.R.

 

Por un circuíto de carácter circular de 3.500 metros, urbano e totalmente chairo, correrán os participantes na 12ª Carreira Popular dos Santiños do Barco o 10 de novembro. A saída desta proba darase, como vén sendo costume, nas pistas de altetismo de Calabagueiros ás 11:30h. Na carreira de maiores participarán atletas Sub16 (que darán unha única volta) absolutos, Sub18 e Sub23 e veteranos, tanto femininos como masculinos, que realizarán un percorrido de 7.000 m (2 voltas).

Tras saír do estadio de Calabagueiros o trazado do circuíto seguirá polas rúas Río Mariñán, Barco de Ávila, Paseo do Malecón (cun control de paso), doutor Pérez Lista, Academia Dequidt e, novamente, Malecón para regresar pola rúa Coruña ata as pistas de Calabagueiros, onde estará a liña de meta.

Esta cita popular inclúe ademais probas de categorías menores que terán lugar a partires das 12:30h. nas pistas barquenses de atletismo. Os primeiros en correr serán os Sub14 (600 m) logo os Sub12 (500 m), os Sub10 (300 m) e os prebenxamíns (100 m). Nestes casos as inscricións serán gratuítas e poderán facerse ata 30 minutos antes do inicio das probas no mesmo estadio de Calabagueiros. A partires das 13:15h. darase paso á entrega de premios e completarase o programa deportivo deste evento popular.

A 12ª Carreira dos Santiños será organizada polo Club Adas coa colaboración do Concello do Barco e da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo. Ademais terá un carácter benéfico xa que a organización, xunto coa Cruz Vermella de Valdeorras, organizará unha recollida do “Xoguete Solidario” nas pistas. Alí os atletas ou calquera outra persoa poderán doar o seu xoguete que, “deberá ser novo, educativo, non bélico e nin sexista”.

Artigos relacionados

Back to top button