Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Conta atrás para a III Carreira contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín, que será virtual

As inscricións na proba na provincia de Ourense cífranse, polo de agora, en 325, segundo a organización

As promotoras da III Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas nunha imaxe de arquivo./ Foto cedida.

 

Quedan xa escasos días para unha celebración diferente do que será a terceira Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín de Valdeorras. Esta nova edición terá formato virtual, aposta por “seguir recadando fondos para o financiamento da investigación do cancro de páncreas”.

Dende a organización lembran “o fito conseguido na edición de 2019 cos eventos celebrados en Vilamartín, Alacante, Madrid, Murcia, Orihuela e Terrassa” cos que se acadaba unha recadación que “alcanzou os 200.000 €: 11.000 participantes rexistrados, doazóns recibidas a través do Dorsal 0 e a colaboración de grandes, pequenas e medianas empresas permitiron outorgar 97.500 € a cada un dos dous proxectos gañadores da Bolsa Carmen Delgado/Miguel Pérez-Mateo”.

Neste outono a situación sanitaria derivada do Covid-19 “impide celebrar as carreiras no formato tradicional e obríganos a facelo en formato virtual. Isto implica un cambio na forma de tomar parte deste evento pero non no fin do mesmo, pois o obxectivo que nos une a todos é idéntico ao das demais edicións: financiar (por 6º ano consecutivo) a investigación para a loita contra un dos cancros máis letais que existen, o cancro de páncreas”, insisten as promotoras desta proba, que no caso de Vilamartín son tres veciñas de Valdeorras.

Os datos de inscricións no día de onte (14 de novembro ás 22 horas) rexistran total de 2.164, destacando na distribución por provincias as 325 da de Ourense, só superada polos 528 de Alacante e os 525 de Madrid.

 

 

Este evento solidario e deportivo contará desta volta con ata 5 modalidades diferentes: andaina e carreira (de 5 ou 10 km), bicicleta de estrada (60 km), BTT (30 km) e cadeira de rodas (5,10, 30 ou 60 km).

Como inscribirse e participar

As persoas interesadas en participar xa poden realizar a súa inscrición, que segue aberta, en https://lastlap.com/net/carrera-cancer-pancreas/

O prezo da inscrición son 10€ e 12,90€ co envío incluído da camiseta oficial co lema: 2020 “Este é o momento de ganarlle a carreira ao cancro de páncreas”. Poden realizarse ata 6 inscricións simultaneamente para pagar só unha vez os gastos de envío das camisetas. Así mesmo, o ofrécese a posibilidade de facer unha doazón a través do Dorsal 0.

Unha vez inscrita, a persoa pode descargar a aplicación a través dunha das seguintes ligazóns segundo o sistema operativo do seu teléfono móbil:

.- Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.sportmaniac_live_app_android.carrera_ciudades
.- Apple store: https://apps.apple.com/us/app/carr-ciudades-c%C3%A1ncer-p%C3%A1ncreas/id1536152909

Ademais nesa mesma aplicación será posible que os participantes garden adestramentos dos días previos e fotos.

Poderase participar na proba entre o 19 e o 22 de novembro. “Para iso, elixe un lugar, unha data e unha hora, activa a aplicación e realiza o percorrido que seleccionases”, explican dende a organización.

Artigos relacionados

Back to top button