En portadaÚltima hora

Conta atrás para a V Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño

Reunirá máis de 40 mascaradas de diferentes puntos da península os días 26 e 27 de xaneiro
Boteiros vianeses, durante o desfile pola vila./ Foto: Mónica G. Bellver.

Xa se coñecen os nomes das celebracións de inverno que participarán na derradeira fin de semana de xaneiro na V Mascarada Ibérica de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso. A organización vén de facer público o cartel cos participantes. Desta volta, supéranse as 40 festas de inverno. Hai oito tradicións que acuden por primeira vez a esta cita.

A Mascarada comezará a partires das 16:30h. do sábado 26 de xaneiro en Viana do Bolo, cun desfile que comezará na zona do Toural e rematará na praza Maior. Ao día seguinte, o evento terá como escenario Vilariño de Conso dende as 11:30h.

A maior representación, como en edicións anteriores será a ourensá. Destacará a presenza de Entroidos da parte oriental da provincia: ata catro de Viana (Folións Rurais, Fulión As Carrelas, Fulión Alternativo, Fulión de Cabo da Vila), dous de Vilariño de Conso (Asociación Xuntos polo Fulión e Fulión de Mormentelos), así como o Fulión da Mourela p’acá de Manzaneda, o Fulión de Buxán ou o Touro e o Xigante de Celavente (ambos do Bolo).

 

As cornas do Fulión da Mourela p’acá, na Mascarada do pasado ano en Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

Outros Entroidos da provincia presentes serán as Madamitas de Entrimo, os Galos de San Pedro (A Mezquita), as Bonitas de Sande, os Troteiros de Bande, os Felos de Maceda, as Pantallas de Xinzo de Limia, os Cigarróns de Verín, Os Peliqueiros e o Parranfón de Campobecerros (Castrelo do Val) e Os Vellaróns (Riós).

Haberá asemade diversos Entroidos das outras tres provincias galegas, entre eles e como novidade o Oso de Salcedo (Pobra do Brollón, Lugo) ou o Entroido de Samede (A Coruña). Acudirán tamén festas de inverno doutros puntos de España como León, Asturias, Guadalaxara, Cantabria ou Zamora (A Talanqueira e a Visparra de San Martín de Castañeda-Sanabria, o Atenazador de San Vicente da Cabeza); así como do norte de Portugal (entre elas, Caretos de Lazarim e de Parada, o Farandulo de Tó ou os Chocalheiros de Bemposta). E, por vez primeira, estará representada a comunidade de Estremadura a través da figura do Jarramplás.

 

Os membros da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, tocando na anterior Mascarada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Esta V Mascarada Ibérica será organizada polos Concellos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, pola Comisión do Entroido 2019 de Viana e pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño en colaboración coa SAGA e a Asociación de Mulleres Rurais de Viana.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close