En portadaÚltima hora

Conta atrás para a VI ViBoMask, a maior concentración de mascaradas de inverno da península

Viana do Bolo e Vilariño de Conso acollerán os días 11 e 12 de xaneiro este evento, que terá como convidados especiais aos Mamuthones e Issohadores de Sardeña (Italia)

 

A angulosa careta negra dos Mamuthones e a branca dos Issohadores presidía na noite do 8 de xaneiro na Casa da Cultura de Viana a presentación do VI Festival Internacional Mascarada Ibérica “ViBoMask”, que se desenvolverá na fin de semana do 11 e 12 de xaneiro nesta vila e na de Vilariño de Conso. Este personaxes propios da Mamoiada (Sardeña, Italia) serán os convidados especiais desta edición, na que este evento cruza os límites da península e ábrese ao resto de Europa. Unha edición na que ademais se consolida como a maior concentración de mascaradas da península (medio cento delas e 1.015 participantes), tal e como destacan os seus promotores.

Este acto, co que se encetaba o programa da mascarada, estaba presentado polo estilista e modisto vianés Jorge Álvarez, quen cualificaba a ViBoMask como un “evento que xa é fundamental no Entroido da xente de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, moi necesario para enriquecernos de cultura e tradicións de diversos lugares” e aludía ao papel que dentro da organización teñen as asociación, cunha referencia especial a Robreda, creada recentemente.

E, como modisto, confesaba que “as tradicións son unha base fundamental no meu sector, onde necesito inspirarme para crear un deseño. A mascarada é un dos eventos máis inspiradores para min, cada ano que pasa medra máis e gusta moito máis, e iso é moi bo sinal. Sinal de que as cousas fanse ben, por iso dou o meu apoio a Viana do Bolo e Vilariño de Conso para que isto sexa tradición tanto ou máis grande que o Domingo Gordo”.

A continuación Jorge Álvarez daba paso á alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e ao alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández. A rexedora de Vilariño destacaba a colaboración do seu Concello e do de Viana neste encontro, que “pouco a pouco foi crecendo, algo que é un bo síntoma porque significa que a sociedade está involucrada”. Agradecía de xeito especial o labor que nel desenvolven as asociacións “porque levan cultura, pero ao mesmo tempo traen cultura aos nosos pobos e iso tamén é un motor económico para os nosos concellos, para o desenvolvemento do noso rural, moitas grazas a elas e a Jorge Domínguez por apoiarnos, ao Concello de Viana do Bolo e a todos vós, que sodes os que ano tras ano participades, nos axudades e mantedes este evento fundamental”.

Pola súa banda, o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, lembraba os inicios da mascarada,
“unha idea que naceu hai seis anos da man de Jorge “Minas” e, progresivamente, foi consolidándose e que cada vez conta con máis prestixio tanto a nivel galego, como tamén no panorama da península ibérica”. Restaltou a implicación da sociedade “para poder levala a cabo, porque para chegar a facer isto necesítase moito apoio, necesítase xente que traballe e tamén diñeiro”.

Neste senso, resaltou que a maior aportación económica realízana os Concellos de Viana e de Vilariño, se ben tamén existe unha colaboración da Deputación de Ourense, pero “non temos financiamento da Xunta, pese a ser unha mascarada única en Galicia, e, en tamaño, na península ibérica é das máis importantes. E ademais nun lugar onde se sente o Entroido, non nunha cidade”.

 

Pedro Basalo, da Asociación Robreda, durante a súa intervención./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Intercambio Sardeña-Viana do Bolo

A presentación proseguía coa intervención de Pedro Basalo, investigador vianés e membro da Asociación Robreda, quen explicaba o motivo do novo nome deste evento. “Nace a partir dun irmanamento que tivemos co Entroido de Sardeña. En xuño o fulión de Viana e os Boteiros foron convidados a Sardeña a facer un intercambio cultural e alí os que estivemos involucrados vimos como un pobo pode sacar proveito da súa tradición, non só na parte económica, senón tamén da identidade. Vimos como ter unha identidade forte, ben asentada, fomenta un sentimento de hospitalidade. Cando un acepta a propia tradición e está orgulloso dela recibe as outras cos brazos abertos. Por iso ViBoMask nace dos valores dos Entrudios, Entroidos, Antruejos rurais, é unha colección de mascaradas de inverno, dende decembro ata Entroido, todas esas máscaras que aparecen ao longo deste marco temporal”.

Se ben matizaba que mantiñan tamén a denominación de mascarada ibérica como “un guiño de irmanamento con outras mascaradas da península”. E resaltaba que este ano contarase cuns convidados moi especiais: “os Issohadores, máscaras de careta branca, que son os personaxes máis elegantes da comitiva do Entroido de Sardeña; e os Mamuthones, de careta escura. Xuntos fan un pouquiño a dualidade do Entroido da elegancia coa rusticidade”.

O importante da ViBoMask, concluía, “é o trato, o sentimento de poder dicir vou visitar a uns amigos para poder a festa con eles, non para facer un espectáculo para o público. E, neste senso o intercambio, e sobre todo os valores que transmite ViboMask é o que debe perdurar no tempo”.

 

Jorge Domínguez, promotor da mascarada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Finalmente, tomaba a palabra Jorge Domínguez “Minas”, a alma mater deste encontro internacional, quen se amosaba sumamente contento porque “realmente se algo está funcionando ben na organización da mascarada é que hai un relevo xeracional, hai moitísima xente nova que está detrás miña botándome unha man, que é o máis importante”.

E matizaba que “empezar hai seis anos foi fácil porque foi unha ilusión, a idea de traer uns amigos aquí a tocar e, ao final, saíu. Pero a miña ilusión realmente era que isto crecese, pero que non crecese só en torno ao que é a mascarada en si e aos grupos que viñeran aquí a participar, senón que tamén houbera unha programación cultural, intentar meter a mascarada nos colexios, que os dous concellos se viran involucrados en torno ás súas tradicións. E iso logrouse”. E lembaba que “o meu primeiro paso foi intentar que Vilariño e Viana estiveran unidos e conseguino”. Subliñaba ademais a aportación dos Concellos, “moito máis que outros anos, e non só no aspecto económico, senón tamén no institucional e o aspecto de prestar servizos, instalacións”.

A presentación finalizaba coa proxección dun video no que se amosaban as imaxes das mascaradas participantes nesta edición e cuxa última parte estaba adicada aos Mamuthones e Issohadores de Sardeña (Italia).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button