En portada

Conta atrás para a XIX Festa das Covas de Vilamartín

Esta celebración, prevista para o 1 de agosto, reúne cada ano a miles de persoas nesta localidade valdeorresa
A rúa do Cano de Vilamartín, durante a pasada edición da festa das covas nesta localidade./ Foto: Carlos G. Hervella.
A rúa do Cano de Vilamartín, durante a pasada edición da festa das covas nesta localidade./ Foto: Carlos G. Hervella.

É un referente festivo dentro e fóra de Galicia. Polo seu atractivo etnográfico e gastronómico, pero tamén polo seu ámbiente único. En cada edición, a Festa das Covas de Vilamartín atrae a milleiros de persoas que, despois de descubrila, repiten ano tras ano.

Este roteiro por antigas adegas subterráneas, que cumpre xa dezanove edicións, ten unha data fixa: o primeiro sábado de agosto, que nesta ocasión será o día 1. Como vén sendo tradicional, as covas (medio cento nesta edición) abrirán as súas portas a partires das 20:30h. Un pouco antes poderá xa mercarse a entrada, que este ano custará 12 euros, nas dúas zonas de acceso ás adegas (unha no Cano e outra na entrada por Justino Ferrandiz).

Xunto co ticket, os participantes recibirán un pano de cor e unha cunca de barro que lles dará acceso ao interior das adegas do roteiro, cun notable valor etnográfico e en cuxas paredes aínda poden verse as marcas dos picos cos que foron escavadas. Nelas haberá degustacións de viños (branco e tinto), ademais dunha variada oferta de pinchos (empanada, lacón, queixo, chourizo e salchichón ibéricos…) e doces, como é o caso da bica.

Esta festa será organizada pola Asociación de Coveiros de Vilamartín en colaboración co Concello.

Texto: A.R.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button