EconomíaEconomíaÚltima hora

Conta atrás para a XLVI Festa da Bica de Trives e para o X Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas na Cabeza Grande

Celebraranse na vindeira fin de semana do 27 e 28 de xullo e na súa organización colaboran os Concello de Trives e Manzaneda
Bica de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Gastronomía, música, tradición e montaña únense na celebración da XLVI Festa da Bica de Trives e no X Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas na Cabeza Grande Trives, que se celebrarán na vindeira fin e semana do 27 e 28 de xullo. Nesta dobre cita festiva están a traballar conxuntamente os Concellos da Pobra de Trives e de Manzaneda.

Por unha banda exaltarase a bica, un típico doce manteigado, “secular, tradicional e artesanal coa súa orixe en A Pobra de Trives”, cun programa moi especial, segundo se destaca dende o Concello trivés. Nel, Trives recuperará a súa Romería da Festa da Bica, que contará cunha subida ata a Cabeza Grande culminando co Festival Celtibérico de Bandas de Gaita, coa colaboración de Xosé Luis Foxo, director e fundador da Real Banda de Gaitas de Ourense.

 

A alcaldesa de Trives e o alcalde de Manzaneda./ Foto cedida.

Os programas

Como limiar desta dobre cita, o 26 de xullo ás 20:30h. no Auditorio Julio Vázquez de Trives poderá verse o monólogo “As Aventuras de Nabiza Girl” de Isabel Risco. Ao día seguinte, sábado 27 de xullo,  as actividades comezarán pola mañá cun desfile de gaiteiros, que percorrerá as rúas de Trives , seguido da lectura do pregó a cargo das produtoras e comercializadoras de bica máis antigas de Galicia, Victoria Alonso, da Confitería Luciano.

 

Pola tarde, ás 18:30 horas na Igrexa de Manzaneda, farase o II Serán de Letura e posteriormente, terá lugar a presentación do Libro “Cancioneiro de Seitura Manzaneda e Terras de Trives”. Pola noite, na Praza do Pilón, celebrarase o concerto da Banda de Gaitas Os Trintas en colaboración coa Banda de Gaitas Devalar do Concello de Amoeiro. Rematará a noite cunha cea popular na Praza do Reloxo.

O domingo 28 haberá unha alborada da Banda de Gaitas Os Trintas polas rúas trivesas e desenvolverase a Romería da Festa da Bica, coa colaboración co Club de Montaña Trives e o Festival Celtibérico de Bandas de Gaitas. Pola tarde, ás 19,00h na Praza do Pilón de A Pobra de Trives, actuará o Grupo de acordeóns Bieito Blanco, de Ourense.

Nesta XLVI celebración da Festa da Bica, organizan os concellos de Trives e Manzaneda, coa colaboración da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button