DeportesÚltima hora

Conta atrás para o X aniversario da Titan Desert

Valdeorras volverá estar presente na carreira en bicicleta polo deserto de Marrocos, na primavera de 2015
Víctor Álvarez na presentación da Titan Desert 2015, en Madrid.
Víctor Álvarez na presentación da Titan Desert 2015, en Madrid.

Na noite do 9 de outubro, presentábase en Madrid a X edición da Titan Desert by Garmin que se celebrará do 27 de abril ao 2 de maio de 2015. Unha carreira en bicicleta de montaña, para titanes, que espera reunir a máis de 600 riders de todo o mundo. Un deles será Víctor Álvarez Diéguez, natural da Rúa, que se inscribía na proba nada máis abrir a lista, o pasado 7 de outubro.

O propio Víctor asegura que foi un dos 100 primeiros en anotarse na proba que se desenvolve polo deserto de Marrocos, moi ilusionado despois de ter participado nas dúas anteriores edicións (na deste ano entraba en meta entre os 35 primeiros). Para lograr igualar ou incluso mellorar ese resultado, o ciclista terase que preparar a fondo. De momento, remataba a tempada completando a carreira “Madrid-Lisboa”. “Acadei o posto 17º na xeral e o 5º por equipos” di.

A partires de agora, coa inscrición xa cursada, comeza a conta atrás para a carreira dunha dureza extrema, que este ano conta con importantes novidades, como a ascensión a un porto no Alto Atlas marroquí, a unha altura de case 3.000 metros, na que será a etapa raíña, cun recorrido inédito.

Na 10ª edición da carreira que se celebrará en primavera, haberá tamén unha etapa de navegación de 100 quilómetros sen balizas de orientación e outra parcialmente nocturna, coa implantación de controis antidopaxe diarios segundo a normativa da Unión Ciclista Internacional (UCI).

O percorrido total da proba será algo inferior ao da pasada edición, 620 quilómetros distribuidos en seis etapas, aínda que de maior dureza.

Artigos relacionados

Back to top button