ConcellosÚltima horaVerín

Conta atrás para o V Festival Internacional de Curtas de Verín, con 39 curtas a concurso

Desenvolverase do 5 ao 13 de setembro no Auditorio da vila cun bo número de actividades paralelas e un protocolo anti-Covid para garantir a seguridade

 

A quinta edición do Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín porase en marcha o vindeiro sábado 5 de setembro e prolongarase ao longo de oito días nos que a maxia do cinema e un bo número de actividades paralelas encherán de cor e vida o Auditorio, espazo central no que se desenvolverá o certame.

Precisamente nestas instalacións tiña lugar na mañá do 3 de setembro a presentación da programación do certame coa asistencia do alcalde de Verín Gerardo Seoane; da concelleira de Cultura, Emilia Somoza; da deputada provincial, Ana Villarino; e do director do festival, Carlos Montero. Neste acto o alcalde de Verín destacaba que a organización do FIC “ten deseñado un protocolo de seguridade, tendo en conta o contexto sociosanitario actual” e facía un chamamento a “cumprir as normas e esixencias que se implementarán neste senso”.

Pola súa banda, Emilia Somoza apuntaba que, “malia á situación actual, a cultura non debe deterse” e destacaba a singularidade do FIC Vía XIV como “un dos motores culturais de Verín, plenamente asentado na axenda de ocio e lecer da vila”.

Homenaxe a Luis Zahera

Entre as actividades paralelas máis significativas destaca, por exemplo, a visita do actor Luis Zahera, recentemente premiado cun Goya ao Mellor Actor de Reparto por El Reino. Departirá co público o venres 11. Ao longo da semana sucederanse, ademais, actividades diversas e estreas como a dos documentais Entroidar e Hijas de Galicia, Macorinas.

Xunto a isto, o humor de Frei Chitín non deixará a ninguén indiferente na tarde-noite do luns e a Banda de Gaitas Nova Era de Verín, presentada por Pepe Coira, porá este domingo música á curta O carro e o home. O Festival Convidado será o Play-Doc de Tui e tamén se poderá ver en Verín o documental realizado por tres mozos da vila que percorreron en autocaravana a distancia que separa a nosa Galicia da Galitza de Polonia e que leva por título Caminos de Tierra.

No plano concursal participan 39 curtas dunha vintena de nacionalidades, coidadosamente seleccionadas no marco das catro categorías habituais do FIC (Horizontes, A Raia, Nova e Outra Mirada). Moitos dos traballos que se poderán ver en Verín veñen xa de obter distincións en premios en foros de renome nacional e internacional.

 

 

Un exemplo disto constitúeo a curta Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, programada na sección oficial do FIC deste ano e que vén de obter a Biznaga de Prata Premio do Público no Festival de Málaga á mellor curtametraxe e mención especial do xurado na sección oficial de curtas de ficción. Tamén Carne, de Camila Kater, que poderá verse en Verín estes días, obtivo unha Biznaga de Prata á mellor curtametraxe documental.

Tamén poderán verse en Verín, dentro da categoría Outra Mirada, traballos documentais de autores locais tales como Feitizo ou Fachucos.

Pantalla e streaming

Entre as principais novidades que se acometen este ano na V edición do Festival, destaca a habilitación dunha pantalla na Praza Maior de Verín para poder seguir algunhas das actividades paralelas, que tamén se emitirán a través de streaming.

Protocolo anti-Covid

Dende a organización do FIC Vía XIV, porase en marcha ademais un protocolo con medidas preventiva fronte á Covid-19 de cara a esta edición do certame, que inclúe desinfección rigorosa de espazos tras cada actividade. Habilitaranse tamén dispensadores de xel hidroalcólico para que poidan ser empregados polos asistentes e o aforo de butacas garantirá o cumprimento da distancia social requirida. Axeitarase, neste sentido, o aforo do Audiotiro á distancia de seguridade e reduciranse localidades, contando cun total de 92 prazas libres.

Xunto a isto, o acceso e desaloxo de espazos efectuarase de xeito progresivo e controlado polo persoal de acomodación do certame. Paralelamente, marcaranse diferentes zonas de acceso e saída para acudir a actividades evitando así a aglomeración de persoas e non se repartirán trípticos, folletos ou programas de man en formato físico.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close