ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Conta saldada para Carvalho Calero, conta debida para Fernández Morales

Artigo de Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega

Fernández Morales versus Carvalho Calero./ Foto cedida por H. M. Silveiro.

 

Certamente se convertera nunha especie de litixio a candidatura de Ricardo Carvalho Calero ao Día das Letras Galegas, e, polo tanto, había unha clara necesidade por resolver a súa proclamación como homenaxeado. Este litixio formal, aínda que hai quen diga que non era tanto (véxanse mesmo as raíces de tal pendencia na grafía coa que se reproduce o apelido Carballo/ Carvalho) este ano 2020 queda zanxado e á vez tamén desaparece outro vello conflito que parecía existir entre o noso Antonio Fernández Molares e Don Ricardo porque de vello viñan sendo rivais como candidatos en pugna ante o Plenario dos académicos. Logo, alegrámonos desta decisión porque se abre a posibilidade por fin de que se salde a conta debida co segundo dos veteranos candidatos. Reunamos logo as razois obxectivas que se formularon no seu día e renovemos argumentos para que o autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano sexa o candidato elixido para o próximo Días das Letras.

Comecemos por lembrar que foi curiosamente Don Ricardo o que no ano 1969 publica un aparentemente novidoso traballo sobre Mariano Cubí (o filólogo catalán un dos maiores responsables de que Morales escribirá en galego) quen logo na súa magna e loada obra Historia da Literatura Galega Contemporánea marxine no canon literario galego a obra poética do berciano, facendo gala, ao noso humilde parecer, duns prexuízos inxustificados nese estudo crítico citado. Afortunadamente os estudos da crítica máis recente e os traballos que, dende a morte de Don Ricardo atá hoxe, se deron a coñecer acerca de Fernández Morales camiñan cara ao seu recoñecemento e posta en valor.

Efectivamente, coa participación da Academia, tanto no ano 2011 con motivo do 150 aniversario da publicación dos Ensayos poétocos de Morales (lembren en 1861 dous anos antes dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro) como no Bicentenario do nacemento do autor no 2017, foron corrixíndose e sacando do esquecemento os valores desta magnífica e voluminosa obra. Tamén esas dúas datas foron dúas boas oportunidades perdidas para celebrar do Día das Letras no Bierzo. Non imos reiterar as contrastadas e valiosas opiniois que os críticos da Literatura Galega Contemporánea foron aportando para incluír a este autor berciano (aínda que astorgano de nacemento), cada vez con maior peso e relevancia en acreditados e prestixiosos traballos publicados recentemente, libros de texto, numerosas relatorios e mesmo artigos de prensa . Descubriuse incluso que unha boa parte dos textos editados en 1861 por Morales foran escritos dúas décadas antes, converténdoos en verdadeiras primicias da Literatura Galega Contemporánea formando parte ineludible dese movemento que adoita denominarse Rexurdimento.

Quixeramos si apuntar un par de cuestois que poden animar aos académicos a rematar con esta demora e saldar a conta. A primeira e fundamental que cremos que a ninguén se lle escapa , pero é necesario indicala, por máis que sexa unha obviedade. O galego no Bierzo precisa unha urxente e decidida intervención á hora de ofrecer un cambio á situación secular de deterioro que pode ser irreversible. Unha acción puntual , pero que se estende ao logo dun ano, como esta celebración do Día das Letras debe servir de punto de punto de inflexión para introducir unha nova dinámica de traballo cos territorios galegófonos que se achan fóra da Galicia administrativa e que se vén dilatando ano a ano, co que isto supón de dano á saúde, xa de por si fráxil, do noso idioma nesta comarca. Unha comarca que, nestes últimos anos, vén manifestando e madurando unha asunción dos valores implícitos na preservación da riqueza lingüística con programas como o da Promoción do galegos nos Centros Docentes, e que vive como á espera ou, se se quer, como en demanda de que se dea axiña un paso máis. A Academia soubo compartir a celebración no 2002 dun Día das Letras entre Pontevedra e o Bierzo, vinte anos despois corresponde celebrar o Día completo no Bierzo.

Precisamente é oportuno e inevitable destacar que, non só existe un precedente literario de Morales no século XVIII, ligado a esta comarca, como é o do consabido galego–berciano Martín Sarmiento, senón que existen outros autores bercianos futuros candidatos que son continuadores desta veta en lingua galega de orixe berciana como son Ramón González –Alegre xa no século XX e, na actualidade, acabamos presenciar o arrebatador debut cun libro en galego de J.C. Mestre ( un autor que acumula importantes e recoñecidos premios en castelán) e cuxa publicación, hai agora un ano, obriga a establecer un antes e un despois non só para a literatura berciana, senón tamén, dalgún xeito, para a literatura galega ao ofrecer cos seus 200 gramos de patacas tristes unha estética novidosa e sumar para a república das Letras Galegas unha sinatura netamente berciana.

Por último, non queriamos desaproveitar a ocasión para incorporar unha curiosa e casual, pero non pouco poderosa razón máis no noso argumentario.  Celebrar no ano 21 o Día das Letras sería un perfecto precedente lingüístico e literario, cargado de identidade, para o ano 2022 no que se vai conmemorar no Bierzo un aniversario profundamente simbólico e ligado a cuestión da personalidade histórica da comarca como é o bicentenario da proclamación de Vilafranca como Provincia en 1822, punto de partida do que hoxe é o trato singular que recibe por parte da Comunidade Autónoma de Castilla y León, ao ser a único territorio cun Consello Comarcal con competencias recoñecido no Estatuto. Consello Comarcal que ten asinado por unanimidade no 2017 un texto para a conservación dos usos e a promoción dos novos espazos do galego no Bierzo que busca a implicación das administraciois locais e atutonómicas, estatais e europeas nun decálogo de medidas ao que pode contribuír e muito a Academia coa celebración do próximo Día das Letras na bisbarra, onde está soterrado Antonio Fernández Morales. Que así sexa.

 

Texto: Héctor M. Silveiro Fernández. Membro correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega

Artigos relacionados

Back to top button