Con motivo da celebración do Día do Libro o vindeiro 23 de abril, os nenos triveses poderán desfrutar dun contacontos o 23 de abril ás 17:30 h. Trátase dunha actividade promovida polo Concello de Trives e na que poderán participar alumnos de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria. Desenvolverase nunha das salas do Museo da Infancia, situado no Colexio Santa Leonor.
A concelleira de Cultura trivesa, Isabel González, anima aos pais e nais a levar aos cativos a esta actividade, “unha máis das que levamos feito ao longo do ano e que trata de fomentar a lectura entre os máis pequenos”. Ademais sinala que estas iniciativas apostan, ao mesmo tempo, por potenciar o Museo da Infancia.
Os participantes recibirán como agasallo un marcapáxinas deseñado para conmemorar esta data literaria.