En portadaÚltima hora

Continúa a posta en valor do Castro de Penadominga (Quiroga) cun novo campo de traballo

O proxecto deste ano contempla a sinalización do acceso e a colocación dun panel explicativo no propio xacemento arqueolóxico

Participantes no campo de traballo arqueolóxico no pasado verán no castro de Penadominga.

 

Un novo campo de traballo “Arqueolóxico e de Dinamización”, que se desenvolverá entre o 28 de agosto e o 8 de setembro, seguirá poñendo en valor o Castro de Penadominga. O Concello de Quiroga recibiu a aceptación da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para levar a cabo o proxecto. O pasado verán o campo de traballo comezou cun plan de acondicionamento encamiñado a que este lugar da serra de Bendollo se puidese visitar formando parte do intenso conxunto de recursos culturais e turísticos do municipio e do Xeoparque Montañas do Courel. Os primeiro traballos consistiron no seu acondicionamento coa limpeza de maleza do castro.

O proxecto deste ano contempla a sinalización do acceso e a colocación dun panel explicativo no propio castro. Como dixo o Concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias, tamén se vai abrir un sendeiro que permita chegar ata ali e facer unha ruta circular, aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que subvenciona os campos de traballo, adiantou que no campo de traballo haberá 12 prazas para mozos e mozas de 18 a 30 anos de idade e será de ámbito nacional. En anos anteriores, os campos de traballo en Quiroga foron de ámbito internacional, agás o do pasado ano que se centrou na comunidade motivado pola pandemia sanitaria.

Nos últimos anos os campos de traballo de Quiroga acondicionaron diversos lugares de interese histórico e cultural do municipio, como unha ruta de sendeirismo, un tramo do Camiño de Inverno, o castelo dos Novaes, unha alvariza en Bustelo de Fisteus e o acceso á fervenza do Pombar.

Artigos relacionados

Back to top button