ConcellosQuirogaSen categorizarÚltima hora

Continúa a posta en valor do castro de Penadominga (Quiroga)

Dende o Concello de Quiroga vén presentarse a Xunta un proxecto para desenvolver un novo campo de voluntariado arqueolóxico neste verán

Participantes no campo de traballo arqueolóxico no pasado verán no castro de Penadominga.

 

Un novo campo de traballo seguirá poñendo en valor o Castro de Penadominga, no municipio lucense de Quiroga. Nesa liña traballa o Concello de Quiroga que xa enviou un proxecto á Xunta de Galicia. O pasado verán o campo de traballo comezou cun plan de acondicionamento encamiñado a que este lugar da serra de Bendollo se puidese visitar formando parte do intenso conxunto de recursos culturais e turísticos do municipio e do Xeoparque Montañas do Courel. Os primeiro traballos consistiron no seu acondicionamento coa limpeza de maleza do castro.

“O proxecto deste ano, no que podería participar o campo de traballo arqueolóxico entre o 25 de agosto e o 5 de setembro, contempla a sinalización do acceso e a colocación dun panel explicativo no propio castro. Tamén se vai abrir un camiño que permita chegar ata ali e facer unha ruta circular, aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo”, tal e como adianta o Concello de Quiroga.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que subvenciona estas iniciativas, traballa na posibilidade de que o deste ano sexa un campo de voluntariado nacional. En anos anteriores, os campos de traballo en Quiroga foron de ámbito internacional, agás o do pasado ano que se centrou na comunidade motivado pola pandemia sanitaria.

Nos últimos anos os campos de traballo de Quiroga acondicionaron diversos lugares de interese histórico e cultural do municipio, como unha ruta de sendeirismo, un tramo do Camiño de Inverno, o castelo dos Novaes, unha alvariza en Bustelo de Fisteus e o acceso á fervenza do Pombar.

Artigos relacionados

Back to top button