SanidadeÚltima hora

Continúa a reordenación interna do CHUO co traslado de Cardioloxía e Dixestivo

A primeira irá á quinta do Cristal, canda as súas unidades de exploración e e diagnose. A a segunda, ao terceiro andar á dereita para deixar libre a zona de paso do novo edificio, e ocupará tamén o sexto andar, próxima a Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista
O persoal administrativo tamén foi trasladado. // Foto: Carlos Asensio (Arquivo).

A reordenación interna das distintas unidades de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), derivada da apertura do novo edificio de Hospitalización, continúa na tarde de hoxe, 30 de xaneiro, co traslado ao redor de 60 pacientes, de Cardioloxía e Dixestivo, que pasarán ás plantas terceira, quinta e sexta do edificio Cristal, “na procura dunha mellor ordenación e funcionalidade”, apuntan dende o Complexo ourensán.

Nesta liña de “mellora da funionalidade” entre os servizos, de acordo a criterios de proximidade, a unidade de hospitalización de Dixestivo pasa, da segunda dereita do Cristal á quinta dereita, planta onde se sitúan as súas unidades de exploración e diagnose, facilitando así a comunicación e operatividade.

Igualmente, Cardioloxía traslada a súa unidade de hospitalización, da terceira esquerda á terceira dereita, deixando así libre a área de conexión co novo edificio de Hospitalización, ocupando ademais parte da sexta dereita, que se reparte entre Cardio e Dixestivo, situada xunto á Unidade de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista.

Dende a Xerencia apuntan que con este novo movemento “vaise cumprindo o Plano de Traslados previsto”, para facilitar os movementos tanto ao novo edificio como dentro do edificio Cristal. Estes últimos, na procura de facilitar a operatividade e as circulacións internas, que posibilitan, á súa vez, os traballos de adaptación destas instalacións, que o Servizo Galego de Saúde renovará e modernizará para igualalas á ampliación.

Consultas e administración no Nai

Xunto a estes cambios, recentemente tivo lugar o traslado dos servizos administrativos, centrais e de xestión da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, na súa maior parte no Edificio Santa María Nai, persoal que, por mor das obras de ampliación, permanecía distribuído en distintos espazos provisionais, dentro do propio recinto hospitalario e na Delegación de Sanidade.

Grazas a elo, reagrupouse, no terceiro andar do Nai, que vén de ser reformado para acoller o seu novo papel administrativo e de xestión, a diferentes funcionarios encargados de distintas áreas de administración.

Asemade, xa está nas súas novas dependencias o persoal de Docencia e Formación, o que permitiu a apertura e posta en marcha da nova Área de Docencia e Formación, no andar cero, do novo Edificio de Hospitalización, fronte ás novas aulas docentes, con salas multimedia, laboratorios e espazos de innovación “co-working”.

Dende a Xerencia do Sergas quixeron “agradecer a gran labor realizada polos profesionais dos distintos servizos, na procura de levar a bo término este proceso” que se desenvolveu sen incidentes “pese á súa complexidade”, sinalaron.

Artigos relacionados

Back to top button