OurenseÚltima hora

Controlado un conato de incendio nesta madrugada na Unidade de Agudos de Psiquiatría do CHUO

A paciente que o provocou requiriu atención médica, presentando queimaduras con prognóstico grave, segundo o Sergas

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense./ Foto de arquivo.

Pasadas as doce da noite desta madrugada producíase no Hospital Universitario de Ourense un conato de incendio na Unidade de Agudos de psiquiatría, ubicada na primeira planta do novo edificio de hospitalización. Ante isto púxose en marcha o “protocolo de autoprotección e emerxencias, seguindo a cal se procedeu a controlar rapidamente o conato, orixinado nunha habitación, que provocou a atención por queimaduras da paciente causante do incendio e de catro traballadores da unidade que xa foron dados de alta”, segundo se informa dende o Sergas.

“A normalidade quedou plenamente restablecida esta mesma madrugada, unha vez se procedeu a reubicar aos pacientes da unidade cara un novo dispositivo asistencial axeitado a Unidade de Preingreso situada na terceira planta do edificio Cristal non rexistrándose ningunha incidencia no traslado. En total foron dezanove pacientes os que foron trasladados cara ao novo espazo para así facilitar os traballos de limpeza e ventilación da unidade de agudos evitándolles posibles molestias. Nesta mesma mañá a Unidade de Agudos volverá a estar operativa para reacoller aos pacientes trasladados”, tal e como indica o Sergas.

Segundo parece o conato de incendio foi provocado pola manipulación dun chisqueiro por unha paciente da unidade que tentou prender sobre o colchón da súa cama. “Este tipo de colchóns sanitarios están confeccionados de tecidos e recheos ignífugos que respectan as normas máis restrinxidas de resistencia ao lume e certificados polo Ministerio de Interior. De tódolos xeitos está aberta unha investigación interna para tentar aclarar, con toda a certeza, a orixe real do foco. Como é habitual nestas incidencias, a central de seguridade do complexo hospitalario procedeu a dar aviso ao corpo de bombeiros, que se presentaron no lugar aos poucos minutos, non sendo precisa a súa intervención”, citando ao Sergas.

A paciente que provocou o incendio requiriu atención médica presentando queimaduras con prognóstico grave, e, seguindo o protocolo, catro traballadores da unidade que procederon a controlar o conato, un celador e tres auxiliares de enfermaría, permaneceron ingresados na Unidade de Observación de Urxencias, con prognóstico leve pola súa exposición ao fume, e xa foron dados de alta na mañá de hoxe.

“Ante a celeridade, efectividade e coordinación da resposta, a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense Ourense desexa facer pública a súa consideración e respecto pola boa labor realizada, moi especialmente ao conxunto de traballadores da primeira planta da Unidade de Agudos, ao persoal de garda, de mantemento e dos Servizos de Seguridade, agradecendo a rápida resposta dos corpos de Bombeiros e Policía Local de Ourense, que afortunadamente non precisaron intervir”, tal e como se sinala dende a EOXI.

Artigos relacionados

Back to top button