EconomíaEconomíaÚltima hora

Convenio para actividades de promoción turística no Xeodestino Manzaneda-Trevinca

Este era un dos once convenios de colaboración que o conselleiro de Cultura vén de asinar nesta mañá e que suporán un investimento total de máis de medio millón de euros
O conselleiro de Cultura na sinatura dos convenios de colaboración con once xeodestinos galegos.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiña na mañá deste venres 12 de xullo un encontro con representantes de diferentes xeodestinos galegos, entre eles o de Manzaneda-Trevinca, cos que asinou 11 convenios de colaboración para a realización de actividades de promoción e difusión turística. Neste senso, o titular de Cultura e Turismo subliñou o comportamento “sobresaínte” do turismo en Galicia, que encara o verán como un dos destinos mellor situados de España e como a comunidade autónoma que obtivo un mellor crecemento na tempada media-baixa.

Durante a sinatura destes acordos, que suporán o investimento de máis de medio millón de euros en máis dun cento de municipios das catro provincias galegas, Román Rodríguez puxo de manifesto o compromiso da Xunta de seguir colaborando na posta en valor dun turismo “tranquilo, responsable e competitivo”. Nesta liña, o conselleiro lembrou a importancia do turismo rural, que no que vai de ano medrou un 10% con respecto ás cifras de 2018 sendo a modalidade turística que experimentou un maior crecemento.

Román Rodríguez destacou que a figura dos xeodestinos é “clave” na promoción dun modelo turístico baseado na especialización e a mellora da competitividade da oferta, na diversificación de fluxos turísticos ou na desestacionalización da demanda, “facendo de Galicia un destino atractivo os doce meses do ano”. “Os xeodestinos contribúen á que a nosa Comunidade sempre teña algo que ofrecer ao viaxeiro”, apuntou.

Once xeodestinos

Durante o acto de sinatura estiveron presentes representantes dos xeodestinos Ancares-Courel, As Mariñas, Condado-Paradanta, Celanova-Baixa Limia, Deza-Tabeirós, Manzaneda-Trevinca, O Ribeiro, Ría de Muros-Noia, Ría de Vigo e Baixo Miño, Terras de Santiago e Verín-Viana. Tamén asistiron a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Catro, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button