CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Verín e a Universidade de Vigo porán en marcha a “Cátedra Verín de Augas Mineiro-medicinais”

Suporá o primeiro departamento universitario especializado nun territorio termal de Galicia, segundo se destaca dende o Concello
O alcalde de Verín con representantes da Universidade de Vigo.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez, chegaban a un acordo na mañá do 20 de setembro para a creación de “Cátedra Verín de Augas Mineiro-medicinais”, que suporá o primeiro departamento universitario especializado nun territorio termal de Galicia. Seoane aseguraba que este “é un salto transcendental na recuperación do termalismo de Verín, coa universidade como compañeira e guía para desenvolver o sector”.

O Concello e a Universidade de Vigo coincidían en que o peso específico do termalismo de Verín dentro da provincia termal ourensá é “tan grande que merece un apartado de estudo propio”. En palabras de Gerardo Seoane, “cos tratamentos balnearios no século XIX, coa enorme cota de mercado nacional de Fontenova no século XX, e coa penetración de Cabreiroá no século XXI, Verín é a base da industria termal da provincia de Ourense, por non dicir de Galicia”.

O desenvolvemento de novas liñas de negocio, a investigación do patrimonio termal, a creación de novos productos e a investigación en todos os campos dos tratamentos e das augas minerais necesitan da Universidade de Vigo, dixo o alcalde, “para ir da man con Verín nun ilusionante proxecto de futuro durante as próxima décadas e permitir, así, que se investigue, se fagan teses e se desenvolva, en suma, o futuro termal de Verín”.

O Reitorado da Universidade de Vigo e o Concello de Verín traballan xa para a sinatura dos documentos para establecer a nova cátedra a partires do ano que ben. Esta cátedra conterá diversos programas de investigación, doutorados e teses, actividades divulgativas e docencia que se determinarán por un comité de goberno, segundo explicou Virxilio Rodríguez ó alcalde, nas próximas datas.

Asimesmo, os responsables de ambas entidades acordaron que a Cátedra Verín de Augas Mineiro-Medicinais terá unha sé estable na vila de Monterrei, para facilitar o acceso dos investigadores ós recursos, e a presenza da Universidade nos actos que se desenvolvan no territorio de Monterrei.

Artigos relacionados

Back to top button